60 aniversario do secuestro para denunciar as ditaduras de Franco e Salazar

Cando o 'Santa María' tornou en 'Santa Liberdade'

Hai 60 anos, o 21 de xaneiro de 1961, un grupo de revolucionarios apoderouse pola forza do barco portugués 'Santa María', rebautizándoo ao pouco en 'Santa Liberdade', para denunciar diante do mundo as ditaduras ibéricas, a situación social dos seus pobos e o problema nacional do Estado español.
Xosé Velo, no centro, á súa dereita, Soutomaior e Galvao falando. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xosé Velo, no centro, á súa dereita, Soutomaior e Galvao falando. (Foto: Nós Diario)

Foron 24 comandos, maiormente galegos, pero tamén portugueses, cataláns e algúns españois, os que subiron ao 'Santa María' na noite do 21 de xaneiro de 1961 para dar comezo a unha acción que ficou para sempre na lembranza da loita antifascista e no libro aínda por escribir da resistencia do nacionalismo galego contra a ditadura franquista.

O operativo correu a cargo dunha organización constituída á volta de 1960, impulsada por nacionalistas galegos, militantes libertarios, veteranos comunistas críticos coa liña da reconciliación nacional imposta polo Partido Comunista de España (PCE) de Santiago Carrillo e demócratas portugueses que se deron en nomear Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL).

As razóns do DRIL ficaron fixadas nas súas posicións políticas divulgadas na súa corta, intensa e tamén contraditoria existencia. A este respecto, nun comunicado público divulgado pola organización á volta de 27 de xuño de 1960 e redactado por Xosé Velo, sinálase que “o DRIL é intransixente republicano e cre no mel e non na colmea. É dicir, republicano para unha república do pobo, do pobo das nacións ibéricas, e enténdase que non estamos falando de España e Portugal tal como xeralmente se comprende senón dun republicanismo que incluirá a proclamación doutras repúblicas como a castelá, a galega, a vasca, a catalá”.

A figura de Xosé Velo explica a conformación do DRIL e do operativo do 'Santa María'. Nado en Celanova en 1916, impulsor da Mocidade Galeguista desta localidade con só 16 anos, secretario xeral da Federación de Mocidades Galeguistas no período republicano, resistente antifascista nos primeiros tempos da ditadura, preso político nos cárceres galegos e portugueses, estivo exiliado en Venezuela e foi organizador da comunidade galega e de núcleos nacionalistas nese país. Ademais, foi máximo responsábel do DRIL, refuxiado no Brasil após o secuestro do Santa María, libreiro e editor en São Paulo e sempre, en palabras do seu compañeiro das Mocidades Galeguistas e da xeira venezolana Xosé Sexto, “un nacionalista impenitente”.

O Terra e Tempo, nunha necrolóxica publicada dous meses despois da súa morte en marzo de 1972, afirmaba: “Morreu o compañeiro Xosé Velo, conectado intimamente co movemento nacional popular da Galiza”.

O secuestro do Santa María serviu para pór o foco durante 13 días nas ditaduras de Franco e Salazar. A embarcación, construída en 1952 e propiedade da Compañía Colonial de Navegación de Portugal, era empregada polos emigrantes galegos a Venezuela e no momento do asalto trasladaba 568 pasaxeiros, entre eles 189 portugueses, 81 españois e 153 galegos. Os militantes do DRIL aproveitaron o escaparate que lles ofreceu unha acción que congregou a atención de boa parte da prensa internacional -cuxos principais medios enviaron correspondentes á zona- para achegar as súas reivindicacións e demandas.

Xosé Velo deu conta das súas razóns desde a cuberta do Santa María. Así, no cuarto día de secuestro, o 23 de xaneiro, dirixiuse aos pasaxeiros pondo de manifesto: “Que foi de Alexandre Bóveda, de Ánxel Casal, de Víctor Casas? Que foi de Castelao? Será que lles tocou a morte podre? Ao final que foi do galeguismo? En certas artes o abstraccionismo aínda é valido, pero en política, en patriotismo, iso nin sequera é decorativo. Tamén podreceu a galeguidade?”. De seguido, engadía, “Non. Os soños de xustiza que moveron a vontade daqueles mártires están a punto de realizarse. Aínda os galegos emigran. Aínda asoballan a nosa lingua, a nosa cultura, a nosa capacidade de autodeterminación”. Concluía: “A matria galega aínda non ten patria. Todos os bos e xenerosos en pé”.

Na sexta feira 3 de febreiro púxose remate ao operativo do 'Santa María'. A liberación do barco por parte dos comandos do DRIL foi resultado dunha negociación entre as autoridades estadounidenses, encabezadas polo vicealmirante da sexta frota Allen Smith e dunha delegación dos comandos do que fixeron parte os galegos Xosé Velo e o Soutomaior. Precisamente Velo, que empregou o galego no curso do diálogo cos representes dos Estados Unidos, xogou un papel chave para atopar unha solución dialogada fronte a outros membros do comando que apostaron por alternativas máis de forza. 

As conversas que se desenvolveron na embarcación deixaron a imaxe do vicealmirante Smith saudando en posición de firme mentres se escoitaba polos altofalantes do barco os himnos portugués, español republicano e galego e se arriaba a bandeira galega canda a das outras dúas nacións.

Comentarios