Millar e medio de sinaturas avalan xa o manifesto a favor de que a memoria centre os usos de Meirás

Apoian o manifesto escritoras como Helena Villar Janeiro, Ledicia Costas ou María Reimóndez e o escritor Manolo Rivas, así como xente da pintura e a ilustración como Luz Beloso ou Tokio, músicas como Uxía, as actrices Isabel Risco e Marian Bañobre ou cineastas como Margarita Ledo e Manane Rodríguez

Pazo de Meirás (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera Pazo de Meirás (Foto: M. Dylan / Europa Press)

Ao millar e medio de sinaturas achégase xa o manifesto lanzado esta mesma semana para pedir que a recuperación da memoria das vítimas do franquismo e da loita contra a impunidade centre os usos do Pazo de Meirás unha vez confirmada a súa titularidade pública.

O texto saía a luz a pasada segunda feira, 29 de marzo, co apoio dun cento de mulleres relacionadas coa escrita, o xornalismo, a música, o teatro, o audiovisual, a filosofía, o ensino, o sindicalismo e nomeadamente a loita feminista, e en menos dunha semana, os apoios multiplicáronse por quince.

Entre as sinaturas atópanse nomes tan recoñecidos como o de Helena Villar Janeiro, María Reimóndez, Ledicia Costas, Inma López Silva, Pilar García Negro, Antía Yañez, Carme Adán, Pilar Pallarés, Carme Blanco, Pilar Allegue, Marica Campo, Emma Pedreira, Anna Figueiredo, Helena Miguélez, Miriam Ferradás, Lucía Novas, Chis Oliveira, Eva Mejuto, Rosa Aneiros, Manolo Rivas, Cesáreo Sánchez ou Alfonso e Xosé María Álvarez Cáccamo.

Tamén chegaron apoios desde o mundo do xornalismo e a crítica como o da directora de Nós Diario, María Obelleiro, ademais de Ana Romarní, Alba Tomé, Natalia Puga, Fátima Frieiro, Sara Vila, Ramón Nicolás ou Xurxo Lobato. Do audiovisual como o de Margarita Ledo ou o de Manane Rodríguez. Da música como o de Uxía. Das artes escénicas como os de Marian Bañobre, Isa Risco ou Tero Rodríguez. Da ilustración, a pintura e a escultura como os prestados por Luz Beloso, Carme Carreiro, Paula Pereira, Viki Rivadulla, Irene Silva, Maribel Valdivieso, Kiko da Silva, Tokio, Manel Cráneo ou Pepe Galán.

O manifesto promovido pola xornalista Montse Fajardo, a presidenta da AC Alexandre Bóveda María Xosé Bravo e a poeta Marta Dacosta recibiu tamén apoios de integrantes de Galegas 8M, a Marcha Mundial das Mulleres,19 de Meirás e Iniciativa Galega pola Memoria, entre outros colectivos.

O manifesto pide converter o Pazo de Meirás en “símbolo de restitución da memoria das vítimas e da loita emprendida pola sociedade civil para acabar coa impunidade”. O texto irrompía no debate sobre os usos deste inmóbel espoliado ao pobo pola ditadura franquista reivindicado que se destine “á recuperación e a divulgación da memoria do pobo aldraxado e aniquilado e da súa loita antifranquista desde unha imprescindíbel perspectiva de país, clase e xénero, coa ollada posta tamén na restitución do recordo das mulleres que foron represaliadas “.

Desde o feminismo, o texto defende que cómpre facer visíbel a loita das vítimas e traballar en prol da súa memoria e remata lembrando que o feminismo non agocha a memoria, está inzado dela.

As persoas que queiran sumarse aínda poden facelo a través do enlace https://forms.gle/yzt6ZjhqcGNriZAT6.

Comentarios