O apoio dos servizos secretos franceses á loita das guerrillas antifascistas galegas

As relacións dos servizos secretos aliados co nacionalismo galego no contexto da II Guerra Mundial móvense máis no campo das suposicións que das certezas. A confirmación dun operativo da intelixencia francesa en apoio á guerrilla galega bota luz sobre esta realidade.

GAYOSO3-1
photo_camera Francisco Caridad Mateos Delgado Gurriarán, Manolo Blanco, Ramón de Valenzuela, Gómez Gaioso, Ramón Guerreiro, Enrique Lister, Manuel Martín, Ramón Mosteiro e Santiago Álvarez na fronte de Catalunya no ano 1938.

A primeira referencia á existencia dun operativo dos servizos secretos franceses a través de militantes nacionalistas en apoio das guerrillas galegas chegou da man do seu principal protagonista. Así, o escritor e dirixente do Partido Galeguista (PG) Ramón de Valenzula, na súa novela autobiográfica Era tempo de apandar, deu conta dos movementos e contactos a finais de 1939 entre as autoridades francesas, utilizando como enlace o máximo responsábel do Servizo de Información do Estado Maior (SIEM) republicano, Manuel Estrada Manchón, e algúns exiliados nacionalistas en Francia.

Ramón de Valenzula escribe como o ligou Estrada Manchón, o seu xefe durante os anos de guerra, cos servizos secretos franceses, dá conta dunha reunión con el onde lle explica que o “noso enlace” coa intelixencia francesa é o capitán Després e explica tamén como Estrada sinalou: "Mañá teñen que estar aquí os primeiros colaboradores. En nove días rematará o período de instrución específica; en quince estará o primeiro punto base na Galiza; en dezasete o primeiro contacto coas guerrillas  que operan desde a Limia deica a Mezquita”.

A narración vai máis alá e achega algúns dos nomes dese dispositivo como 'Pepe Grande', antigo membro do grupo do 'Bailarín' , 'Pepe Pequeno', ex guerrilleiro da partida de 'Quinito', Benigno Lameiro e 'Felicísimo da Gudiña', “chamabámoslle Guda”, “derradeiro alcalde republicano do seu pobo”.

As cartas de Prada

As dúbidas sobre a veracidade do relato de Ramón de Valenzula, por tratarse dun texto de ficción, resolvéronas os historiadores  Xosé Luís Pastoriza Rozas e Miguel Anxo Seixas Seoane. O primeiro, biógrafo dos irmáns Illa Couto, nun recente artigo publicado  baixo o título  Salvar o pelexo e gañar a vida no exilio. Florencio Delgado Gurriarán, Ramiro Isla Couto e as redes de axuda a refuxiados republicanos en Francia en 1939, analiza as redes de fuga dos nacionalistas galegos desde 1936 a 1939, achega información sobre a presenza de militantes do PG en cargos de responsabilidade do SIEM, citando entre eles a Andrés Valín, Delgado Gurriarán e Ramón de Valenzula, e sinala que este último, “secretario xeral e de organización do PG, decidiu continuar a loita clandestina e guerrilleira contra Franco xusto cando estaba a piques de embarcar no Winnipeg nos primeiros días de agosto de 1939”.

Seixas Seoane, no terceiro tomo da súa magna biografía de Daniel Castelao, recupera do Fondo de Rodolfo Prada, depositado na Fundación Penzol, información chave para resolver esta cuestión. Así, nunha carta a De Valenzula datada en xaneiro de 1940, Prada dá conta da chegada a Bos Aires de Benigno Lameiro e Felicísimo da Gudiña, tras fracasar na súa misión na Galiza e indícalle que “eu coido que o encargo que lle tiñas feito era certeiro  e podía dar moi bos froitos”. Neses mesmos días, son os dirixentes nacionalistas Xosé Núñez Búa e Ramón Martínez López quen discrepan de Prada e critican a De Valenzula porque “a súa actitude ao servizo de Deuxième Bureau [nome do servizo de intelixencia militar francés] non ten que ver coa Galiza nin coa República nin foi consultada a decisión de entrar neste servizo con ninguén”.

O  feche do círculo

Dionisio Pereira e Eliseo Fernández, no seu último traballo, A primeira resistencia armada ao golpe militar na Galiza, fechan o círculo sobre este capítulo da loita antifascista na Galiza. Nesta dirección, sinalan que De Valenzuela “decidiu colaborar co servizo de intelixencia francés Deuxième Bureau para levar a cabo tarefas de espionaxe estratéxica na Coruña e Ferrol e asegurar unha rede de evasión coa fronteira portuguesa, sen desbotar o subministro de armas e municións ás guerrillas galegas”.

O grupo operativo articulado por De Valenzuela estaba conformado por galegos recluídos nos campos de concentración franceses, parte deles antigos integrantes das guerrillas galegas e ligados tras a súa fuga da Galiza fascista aos servizos de intelixencia do Goberno republicano.

Segundo Pereira e Fernández, unha parte delas chegaron a Catalunya no verán de 1938, “tras embarcar en Porto con destino a Marsella, valéndose dunha rede de evasión tecida pola parte de Joaquín Pérez 'Quinito', activa entre As Frieiras, Vilardevós e a linde da provincia ourensá coa de Pontevedra, que contaba en Vinhais (Portugal) coa complicidade para as fugas do presidente da apartada freguesía de Pinheiro Novo”.

A operación non saíu como estaba prevista. Tras contactar no mes de outono de 1939 coa guerrilla de 'Quinito', a finais dese ano dous membros do equipo de De Valenzuela son enviados por barco a Porto, con pasaporte paraguaio, para fortalecer as redes de fugas, internarse na Galiza para contactar en Ponte Barxas (Padrenda) coa xente de 'Quinito' e comezar a pór en marcha o conglomerado clandestino.

Porén, foron detectados pola policía portuguesa en Porto, prohibíndoselles desembarcar e obrigándoos a seguir a viaxe até Bos Aires, onde o nacionalismo galego dirixido por Rodolfo Prada  lles prestou axuda dentro das súas posibilidades.

O Guda e Lameiro

Felicisimo Pérez Ortega, 'O Guda'; e Benigno Lameiro Bermúdez foron dúas pezas chaves neste dispositivo. A este respecto, Dionisio Pereira e Eliseo Fernández sinalan que Pérez Ortega foi “antigo alcalde de Izquierda Republicana na Gudiña” e Lameiro Bermúdez “membro do Comité de Defensa da República da Veiga do Bolo, comunista, incorporado en novembro de 1936 á guerrilla formada por veciños da localidade de Corzo-Xares”. Un e outro remataron os seus días en Bos Aires a onde chegaron desde Porto, sendo Ramón de Valenzula deportado ao Estado español desde Francia, unha vez ocuparon o país os exércitos da Alemaña nazi. Procesado en Consello de Guerra, pasou varios anos nos cárceres franquistas, para volver posteriormente á loita clandestina.

Comentarios