O ‘Álbum da Galiza” lembra e homenaxea Lola Ferreiro, psiquiatra feminista

Falecida en decembro de 2023,  foi unha das figuras máis relevantes do feminismo galego, até o punto de ser unha das fundadoras da Asociación Galega de Mulleres (AGM).

A médica, psiquiatra e feminista Lola Ferreiro. (Foto: Nós Diario)
A médica, psiquiatra e feminista Lola Ferreiro. (Foto: Nós Diario)

O Consello da Cultura Galega (CCG) incorpora ao seu "Álbum de Galiza" a entrada de Lola Ferreiro (1957-2023). Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e especializada en Psiquiatría, Ferreiro foi unha das figuras máis relevantes do feminismo galego, até o punto de ser unha das fundadoras da Asociación Galega de Mulleres (AGM).

A autoría da entrada é de Charo Lópes. Nela, fai un percorrido pola vida de Lola Ferreiro, desde a súa infancia ao seu compromiso político e o activismo. “En 1976 comeza tamén o seu activismo feminista facendo parte do grupo de fundadoras da Asociación Galega da Muller, organización que alén da axitación e propaganda, desenvolveu un importante papel a nivel galego e, en particular, nas localidades onde tiña presenza, prestando asesoramento gratuíto sobre anticoncepción, aborto, divorcio, agresións, discriminacións laborais, etc.”

Tamén afonda no seu labor profesional, onde denunciou o androcentrismo na medicina. “A súa perspectiva feminista aplicada á saúde -en particular á mental- foi estratéxica para o desenmascaramento dos prexuízos patriarcais e androcéntricos da medicina convencional e dominante. Foi unha das primeiras médicas no noso país en sinalar que a psiquiatría non podería atender os síntomas de calquera enfermidade ou malestar das mulleres sen antes identificar que moitos deles estaban e están a ser causados fundamentalmente pola estrutura heteropatriarcal da sociedade. Deste xeito salvou moitas mulleres e nenas de seren patoloxizadas, abrindo a posibilidade para recibiren tratamentos axeitados e respectuosos”.

Foi autora dun gran corpus teórico sobre saúde cunha perspectiva de xénero transversal, un campo que tamén explorou mediante o deseño de programas de educación para a saúde onde denunciaba a visión androcentrista da medicina. De feito, nunha entrevista concedida a Nós Diario, medio co que colaborou, expresaba como o androcentrismo provocaba dificultades á hora de diagnosticar doenzas nas mulleres. "Trátase de considerar a asistencia sanitaria, a prevención e a promoción da saúde desde un só modelo, en masculino. Os homes e as mulleres temos dous patróns distintos á hora de construír a nosa saúde, e polo tanto tamén a enfermidade, e se non se considera esa especifidade estamos facendo medicina androcéntrica", advertía.

Integrante da Asociación Galega de Saúde Mental, centrou o seu estudo no campo da psiquiatría infantil e xuvenil, ao que dedicou numerosos traballos de investigación, nomeadamente sobre conduta antisocial, consumo de alcol e outras drogas, riscos da privación de liberdade e ideación suicida, entre outros. Tamén se interesou polo estudo das relacións afectivas e a educación para a saúde, e pola saúde e o xénero e formou parte do colectivo Mira por elas! en defensa dos medios públicos galegos, plataforma desde a cal denunciou a manipulación do PP.

Activista en defensa do aborto na sanidade pública e membro da Marcha Mundial das Mulleres, foi autora de traballos sobre os dereitos reprodutivos das mulleres. Ademais, escribiu investigacións ao redor de enfermidades de transmisión sexual e sobre as múltiples formas que adopta a violencia machista. Un ámbito, este último, no que destacou especialmente.

“Lola nunca perdeu a curiosidade, nin a alegría. Foi unha boa e xenerosa”, conclúe Charo Lópes.

Comentarios