xoves 28.05.2020
A revolución de 1846

O abril da Galiza: "Non queremos ser máis que galegos"

Foi o feito militar máis decisivo da revolución de 1846. O exército galego comandado por Miguel Solís saíu derrotado, após un duro enfrontamento, polas tropas españolas dirixidas polo xeneral José de la Concha na localidade de Cacheiras (Teo). Hoxe cúmprense  176 anos daquela xornada chave para a historia da Galiza. 
Os dirixentes da revolución de 1846, Antolín Faraldo, Miguel Solís, Pío Tarrazo  e Francisco Añón
Os dirixentes da revolución de 1846, Antolín Faraldo, Miguel Solís, Pío Tarrazo e Francisco Añón

A batalla de Cacheiras (Teo) marcou o destino final do proceso revolucionario. O desprazamento á Galiza de novas unidades do exército, ao mando de José de la Concha co obxectivo de combater a rebelión, alterou de maneira importante a correlación de forzas e abriu as portas da derrota galega. A dirección militar do movemento galego, coñecedor da súa debilidade, dubidou en enfrontar o Exército español en campo aberto e levou adiante diversas manobras tácticas, tentando concentrar as forzas dispersas diante do novo escenario.

O 23 de abril de 1848 Solís chocou en Cacheiras con De la Concha. Se os días previos Solís pretendeu evitar unha batalla desigual, na espera de que o corpo do Exército galego mandado por Rubín de Celis se achegase a Compostela, deseñando varias operacións de distracción con movementos de tropas en toda comarca, as novas circunstancias obrigárono a unha confrontación aberta e a un posterior repregue á capital da Galiza, unha vez que a falta de material e medios se amosou con toda rotundidade.

A loita tivo continuidade nas horas seguintes nas rúas de Compostela. Segundo o testemuño escrito un ano despois dos sucesos por Juan do Porto, pseudónimo dalgún dirixente da revolta, "toda a cidade converteuse nun campo de batalla, casa a casa, corpo a corpo", combaténdose na "Pontepedriña, Camiño Novo, Hórreo, Sar, Praza do Pan ou a do Campo", até refuxiarse xa con moitas baixas no mosteiro de San Martiño Pinario. As probabilidades de articular unha resistencia con garantía após a deserción de Celis e as baixas das tropas mandadas por Solis levaron a buscar unha solución pactada que o xeneral De la Concha se negou a negociar.

A dureza dos enfrontamentos vividos en Compostela ficou gravada a lume durante décadas na memoria da cidadanía da capital galega. Manuel Murguía lembrou en diversos escritos que "aínda neno, presenciei as terríbeis escenas" e sinalou a súa pegada noutros membros da súa xeración. Así, en relación ao poeta Aurelio Aguirre, afirmou que "o pobre Aurelio, que era un neno 

cando o alzamento de 1846, contoume que ficara gravada na súa memoria o tránsito polas rúas compostelás, camiño de Carral, do infortunado Solís e demais compañeiros de traxedia".

O martirio de Carral

A derrota da revolución abriu o camiño a unha represión sen tregua co obxectivo de eliminar o seu núcleo dirixente e instaurar o terror no conxunto da poboación. A este respecto, o historiador Francisco Rodríguez sinalou que "o Goberno tomou a decisión exemplarizante de fusilar os oficiais sublevados, con Solís á fronte, tras un xuízo sumarísimo en Carral, e castigou a clase de tropa con traslado a Porto Rico e Cuba por varios anos. Foron moitos civís, a comezar polos membros do Goberno provisional, os que marcharon para o exilio en Portugal".

A dura represión que seguiu a revolución de 1846 certificou o alcance da mesma. O groso das vítimas mortais produciuse ao longo das accións de combate naqueles 24 días de abril e a execución do comandante Solís e de once mandos da súa tropa en Carral ficou como símbolo da represión. O seu asasinato tivo un carácter sumario, prescindiu da totalidade das formalidades legais e respondeu ao temor do capitán xeneral da Galiza, Juan de Villalonga, a que o seu procesamento na Coruña, tal e como foi previsto nun inicio, puidese rematar na súa liberación ou provocar unha nova revolta.

Un continxente importante dos membros das forzas revolucionarias foron desterradas por orde gobernativas ás colonias españolas de Cuba, Porto Rico, Filipinas e Marianas, e outra parte a diversos territorios do Estado español. Pola súa banda, o núcleo dirixente da revolta, entre eles o escritor Antolín Faraldo, acabaron exiliados en Portugal, non podendo retornar até un ano despois, momento no que son amnistiados polas xestións do escritor galego Nicomedes Pastor Díaz, na altura ocupando importantes responsabilidades no Goberno.

Os obxectivos políticos do movemento non deixaban lugar a dúbidas. Así, no chamamento da Xunta Superior da Galiza, publicado en 14 de abril, sinalábase que "o pobo conquistará nesta revolución o que lle teñen arrebatado os cómicos dos pronunciamentos: pan e dereitos. Galiza arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai levantarse da súa humillación e abatemento". Xa por último afirmaba que "chegará a conquistar Galiza a influencia da que é merecedora, colocándose no alto lugar ao que está chamado o antigo reino dos suevos". A revolución de abril de 1846 foi o fito fundacional do capítulo contemporáneo da loita de liberación nacional da Galiza. A isto axudou toda a construción doutrinal dunha tradición ideolóxica que se considerou herdeira desta revolta, pero tamén o seu carácter, as súas intencións e a súa disposición cara ao futuro. O abril galego non foi unha asonada militar tan ao uso no século XIX, senón a explosión dun movemento que se coceu ao longo da década como resposta á instauración da política centralizadora dos liberais. Á fin, como afirmaron as propias xentes de 1846 e lembrou Manuel Murguía, "non queremos ser máis que galegas".

comentarios