A Coruña lembrou Pedro Galán, mozo nacionalista asasinado en 1936

O acto, organizado polo BNG, decorreu no cemiterio de Santo Amaro e ao mesmo asistiron familiares do que foi secretario de Organización das Mocidades Galeguistas.
homenaxe bng pedro galán
photo_camera O acto decorreu no ceminterio de San Amaro (Foto: BNG)

“Sempre daba a man esquerda cando se presentaba e cando saudaba. Tamén cando se despedía. Facíao porque a esquerda é a man que sae do corazón”, dicían del os seus coñecidos. “Como galego son nacionalista, como home son marxista. Para que me entendas, son un separatista", definíase el a si propio.

A Pedro Galán Calvete asasinárono os fascistas na Coruña cando tiña só 19 anos de idade. Foi en setembro de 1936 e 87 anos despois a súa figura, exemplo e memoria foron honrados e homenaxeados. Nacionalista e antifascista, activista no político -secretario de Organización das Mocidades Galeguistas- e no social -desde a directiva dunha entidade tan emblemática da cidade como o Clube do Mar-.

No acto, que tivo lugar diante da súa tumba, no Cemiterio de Santo Amaro, tomou a palabra brevemente Olga Galán, sobriña de Pedro. Emocionada, agradeceulle ao BNG o seu esforzo por manter viva a memoria de quen deu a vida pola defensa dunha” Galiza libre, democrática, xusta e soberana”.

Interveu tamén a presidenta da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo, para ler un artigo publicado por Ánxel Casal -promotor da editora Nós, alcalde de Compostela, asasinado como Pedro Galán en 1936- sobre a creación das Escolas do Insiño Galego. Unha peza que viu a luz no xornal A Nosa Terra en setembro de 1923.

A intervención central do acto correu a cargo de Anxo Louzao, portavoz nacional da plataforma nacionalista Vía Galega e secretario xeral da CIG Ensino entre os anos 2021.

“Sabemos que o medio máis eficaz para a destrución da conciencia nacional dun pobo é aniquilar a súa memoria histórica. Negar o seu pasado e inocular na conciencia colectiva a crenza da imposibilidade de valerse por si mesmo sen estar subordinado a quen o oprime”, manifestou Louzao.

“Por iso ofrecemos este tributo a Pedro Galán para reivindicar a memoria histórica de quen deron a vida por unha Galiza dona de seu, mais tamén co compromiso de continuar a súa loita até termos unha Galiza liberada para que así se cumpran as arelas de Pedro, as arelas polas que loitou e deu a súa vida”, remarcou.

No seu discurso, Louzao contrapuxo o ideario democrático, republicano, galeguista e galeguizador que animou as Irmandades da Fala a crear as Escolas do Insiño Galego -espazo no que o profesor Ánxel Casal coincidiu co alumno Pedro Galán- coa realidade do ensino galego actual, caracterizado pola súa tendencia privatizadora e desgaleguizadora.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios