O topónimo 'ría de Ribadeo' gaña a batalla, polo de agora, a 'ría do Eo'

O Goberno español acepta as alegacións presentadas pola Deputación de Lugo e inadmite a cooficialidade de ambas as denominacións, como pedía o Executivo asturiano.
ría de ribadeo europa press
photo_camera Asturies propuxo mudar o topónimo por 'ría do Eo'. (Foto: Europa Press)

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana vén de inadmitir, "polo de agora", a cooficialidade dos topónimos 'ría de Ribadeo' e 'ría do Eo', de maneira que se impón a primeira sobre a segunda, que fora proposta polo Goberno de Asturies e avalada polo Instituto Xeográfico Nacional (IXN).

"No día de hoxe [por esta sexta feira] na Deputación de Lugo recibimos unha resolución da Subsecretaría de Transportes na que se avalan as alegacións que presentamos contra a resolución do pasado mes de outubro que ditou a Dirección Xeral do Instituto Xeográfico Nacional", confirmou a portavoz socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto.

Así, a citada Subsecretaría anula a resolución do IXN que fixaba a cooficialidade e, ao mesmo tempo, ordena "retrotraer as actuacións ao momento previo á solicitude dun informe" á comisión especializada de nomes xeográficos, que terá que emitir un ditame con "motivación suficiente".

"Isto significa que se avala a postura e os argumentos que expuxemos no seu día na Deputación de Lugo, no recurso de alzada que presentamos", recalcou a portavoz do goberno provincial.

Neste senso, salientou que "fronte á exhaustiva motivación formulada desde esta institución, avalada por un informe de técnicos" da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Ministerio considera que a resolución do Instituto Xeográfico Nacional "non estaba motivada en tanto que se baseou nun informe da comisión especializada de nomes xeográficos".

Cruzamento de argumentos

O Principado alegou que 'ría del Eo' aparece recollido en documentos de 1871, motivo que deu pé inicialmente ao visto e prace dese topónimo por parte do IXN para se referir á ría de Ribadeo.

Porén, un informe do Consello da Cultura Galega (CCG) sostén: "Ría de Ribadeo é a forma que avalan a documentación e a cartografía históricas ao longo dos séculos". Aliás, subliña que en mapas e cartas náuticas de distintos séculos e de diferente autoría apostan no topónimo ría de Ribadeo.

Comentarios