Programador e autor de 'Os lugares da memoria'

Xosé Lino Vidal: "A toponimia axúdanos a preservar a nosa identidade e fainos sabedores de onde vimos"

Naceu e criouse no lugar de Laxedo, na parroquia de Covelo, que integra o termo municipal da Lama. Aínda que a súa profesión é a de programador, vén de sacar, coa axuda da Asociación de Veciños de Laxedo e da Comunidade de Montes, o libro de recollida de toponimia que deu en titular Os lugares da memoria. Neste pequeno volume, Xosé Lino recupera e sitúa no mapa nomes de lugares, fincas, outeiros... de toda a parroquia. Un labor que se incorporará ao proxecto Galiza Nomeada, da Real Academia Galega.
linovidal2
photo_camera Xosé Lino Vidal. / Nós Diario

En que consiste 'Os lugares da memoria'?
É un libro que se fixo para conservar os recordos das nosas nais e dos nosos pais, dos nosos devanceiros, para que quede, como unha fotografía, que cando falta unha persoa pode permanecer aí para sempre. Fíxeno para que a xente que chegue nun futuro teña unha referencia do que foi, porque a vida esa xa non se vai repetir nunca. É unha obra que mostra que a xente lle dá un nome aos lugares, nomes que denotan un uso, e trata de preservar a nosa identidade contando o que se viviu para saber de onde vimos. É un exercicio de memoria.

Que metodoloxía seguiu para realizar este proxecto?
Empecei pouco a pouco, como un traballo de formigas. Recollendo datos que me daba a miña avoa, ía anotando nunha libreta nomes de sitios, cantigas dela... Iso foi xa hai 15 anos, pero hai dous anos púxenme máis en serio, xa tiven que falar con moita máis xente de toda a parroquia. Foi un traballo individual pero tiven moita axuda de todas aquelas persoas que colaboraron comigo dándome nomes para recoller. A asociación tamén me axudou cando o libro saíu do prelo, a presentalo, a distribuílo...

Non se limitou á súa aldea, fíxoo extensivo á parroquia.
O traballo comeceino na miña aldea, coloquei todas as propiedades nun mapa e fun coloreando as parcelas por nomes. Foi a parte que máis traballo me levou, e que seguramente diferencia Laxedo doutros lugares. Pero finalmente estendín o traballo a toda a parroquia porque non só me interesa a toponimia da miña aldea senón tamén a das aldeas dos arredores. Por exemplo, hai un Outeiro de Oregho, no que a gheada sitúa a súa orixe no século XVII. Aínda que a orixe dos topónimos é máis complicada de coñecer, como a Porteliña das Estrelas, a Ribeiriña do Ceo, o Outeiro dos Contos... Hai moitos lugares con nomes especiais. 

Mais 'Os lugares  da memoria' non é simplemente un mapa.
Non, o que eu fixen foi situar o lugar nun mapa, na zona concreta que corresponde e coa toponimia axeitada. Nalgún caso realicei unha descrición, ben do topónimo ben de vivencias da veciñanza nese lugar. Agora esas zonas xa non se utilizan, en moitos casos, pero antes o seu nome denotaba o seu uso comunitario.

Coñece Galiza Nomeada?  
De feito, estou en contacto con Vicente Feixoo, de Galiza Nomeada, e estamos a ver de incorporar na aplicación os topónimos, pero é un traballo inxente así que estamos a ver se é posíbel importar os meus datos e axilizar o proceso. 

De onde lle vén a querenza pola toponimia?
Vénme da vida que levei de neno. Meus pais tiñan vacas e eu ía con eles e coñecía o nome de todas as fincas polas que pasabamos, a montaña xa a descoñecía máis, pero interesábame moito conservalo para o futuro. 

Que ten agora entre mans?
Estou a ultimar un novo libro, que está en fase de corrección. Recollo a vida que levaba a xente antes, con algo de costumismo. Falo de como facían o pan, como traballaban, cal era a arte da zona, que no noso caso era a cantaría e tiña bastante importancia, recompilo a mitoloxía da zona, as cantigas... O outro día falaba cun veciño que se emocionaba porque estaba moi orgulloso daquela vida e de contala, e gustáballe que alguén recollese todo iso. Estou a falar de xente que vivía aquí nos anos 50 e 60 e que agora está emigrada. 

Unha obra individual con múltiples achegas

"O libro en sí fíxeno eu" di Xosé Lino Vidal, que quere engadir que "a asociación de veciños e a Comunidade de Montes puxeron os medios e as ideas para publicalo". Ademais, a listaxe de agradecementos vai desde os veciños "Reinolo, Sito, Xerardo da Vincurada, Mirucho, Chidra, Pepiño, Inés, Manuel de Inés Lola, Sieiro, Felisa, Leo, Rosa de Melia, ás do Pelete até a xente da Fírveda, Esther da Vincurada, Ana Fernández, Manuel Bugallo, Jose Santomé, Iñaki e Darío de Barbeira.", asegura Lino. 

Comentarios