Usuarias de Renfe critican a "discriminación" do galego no servizo ferroviario

Trens de alta velocidade con publicidade do Xacobeo, financiada pola Xunta. (Foto: Europa Press)
A compañía pública de tren xa recibiu numerosas queixas polo desleixo co galego. 

Persoas usuarias de Renfe puxéronse en contacto con Nós Diario para relatar senllos episodios de "discriminación" do galego durante as viaxes e nas distintas instalacións da compañía.

Unha das usuarias explicou que, durante unha incidencia na estación de Santiago de Compostela, intentou contactar co servizo técnico. Ao detallar o problema, empregou o galego, obtendo por resposta, en castelán, "se mo explicas en galego, non che entendo".

A persoa usuaria intentou razoar que ela se atopaba na Galiza e que tiña dereito a empregar o galego, mais o traballador xustificou que se trataba dun "servizo externalizado", que el "estaba en Barcelona" e que era mellor que lle explicase a incidencia en castelán.

Finalmente, e após resolverlle o problema a esta usuaria de Renfe, que seguiu empregando o galego, o técnico rematou a chamada dicíndolle que "xa sabes, a próxima vez emprega o castelán", colgando e sen dar lugar a réplica.

Sen indicacións en galego

Outra das persoas afectadas explicou que, nos últimos dez días, realizara unha viaxe Madrid-Catalunya e outra Madrid-Galiza. No primeiro tren, as indicacións por megafonía estaban en catalán, castelán e inglés.

Porén, no tren con destino ao noso país, estas indicacións só estaban en castelán e inglés, obviando así o galego, segundo a versión desta persoa usuaria de Renfe.

Non é a primeira vez que a compañía pública de tren recibe críticas pola falta de emprego do galego. Aliás, a Associaçom Galega da Língua (AGAL) tamén sinalou que a empresa adoita cometer erros lingüísticos. Un exemplo recente é o da carta de restauración dos trens de Renfe, que incorporou o galego, mais que presenta diversas grallas, recollidas por Em galego.