CHEGA O SEXTO TOMO

Terra, plantas e árbores, máis palabras para o Atlas Lingüístico

Onte o Instituto da Lingua Galega presentou o sexto tomo do Atlas Lingüístico Galego que está dedicado á terra, as plantas e as árbores. 

atlas
photo_camera Presentación do tomo IV do Atlas Lingüístico Galego

Este novo volume, coordinado polo catedrático da USC Francisco Fernández Rei,  ocúpase das cuestións vencelladas, directa ou indirectamente, coa terra como espazo natural e coas plantas e árbores. Segundo explica o equipo do ALGa, a gran novidade formal deste sexto traballo está no fondo do mapa, onde se marca o relevo do territorio lingüístico.

O material cartografado agrúpase en dous grandes bloques: terra, en tanto que espazo físico non alterado polo ser humano; e plantas e árbores, con denominacións de arbustos, plantas e árbores silvestres e froiteiras e froitos. Ademais dos 272 mapas, a obra inclúe un anexo de plantas con información adicional.

O material cartografado agrúpase en dous grandes apartados. O primeiro está dedicado á terra, con 116 mapas con cuestións relativas ao monte, ao val, á auga e ás consecuencias da erosión desta e ao tipo de pedras e mineirais. O segundo céntrase nas árbores e nas plantas e consta de 204 mapas coas denominacións de plantas silvestres e arbustos, árbores silvestres e froiteiras, e tamén dos seus froitos. Con 22 mapas, merece especial atención o léxico da castaña, froito que tivo unha grande importancia tradicionalmente na economía galega.

O ALGa seguirá medrando proximamente co sétimo volume O ser humano (II), coordinado pola académica Rosario Álvarez e Francisco Dubert e Xulio C. Sousa, e que xa está case rematado. O oitavo, Agricultura (I), en fase moi avanzada, coordínao outro membro de número da Academia, Manuel González; e o noveno, Fauna, en fase incipiente, realizarase baixo a coordinación de Francisco Fernández Rei. Están proxectados tres volumes máis cos que se completará a serie léxica do ALGa.

Con esta, son xa seis as publicacións derivadas do proxecto Atlas Lingüístico Galego, cuxa finalidade é describir as variedades xeográficas do galego moderno. Tanto este volume como os próximos edítanse coa axuda da Fundación Barrié e a colaboración do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago de Compostela, mercede a un convenio asinado a finais de 2015.

Comentarios