Só unha persoa entre máis de 6.400 fai a proba de acceso á avogacía en galego

Outra escolleu o euskara e 41 o catalán.

Edificio A Parda, xulgados de Pontevedra (Xunta da Galiza)
photo_camera Edificio A Parda, xulgados de Pontevedra (Foto: Xunta)

Un total de 6.417 aspirantes estaban rexistrados para realizar a proba de avaliación de aptitude profesional para o exercicio da profesión de avogado, correspondente ao ano 2021, segundo informara o Ministerio español de Xustiza. Os candidatos poden realizar o exame en castelán ou calquera das lingua cooficiais do Estado, aínda que neste caso só unha persoa escolleu a opción de galego

Dos máis de 6.400 aspirantes, só 43 (0,67%) solicitaron realizar o exame en  euskara, galego ou catalán. Mentres que só unha persoa se examina en  euskara e outra máis en galego, 41 candidatos optan polo catalán.

En 2016, o entón ministro español de Xustiza español, Rafael  Catalá, asinou un convenio de colaboración cos Gobernos de Euskadi, Catalunya, Galiza e País Valenciano no que os correspondentes departamentos de Xustiza comprometíanse a “garantir que os servizos de tradución dependentes das devanditas administracións se despracen á sede do Ministerio de Xustiza para realizar a tradución da proba na correspondente lingua cooficial” e “asumir o custo económico relacionado coa tradución á correspondente lingua cooficial”.

Dos máis de 6.400 aspirantes, só 43 (0,67%) solicitaron realizar o exame en  euskara, galego ou catalán

Nunha entrevista en 2020, Xoaquín Monteagudo, da Irmandade Xurídica Galega, afirmaba: "Hai dificultades para usar o galego: a infraestrutura xudicial non se adaptou". A Irmandade ten un papel de divulgación do galego na Xustiza e pretende que se normalice o seu uso.

O exame serve para comprobar que os aspirantes contan coa formación suficiente e coñecen debidamente a normas deontolóxicas e profesionais. Os convocados realizan en 2021 a proba vía telemática, de forma sincronizada, a través da plataforma  AvEX da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED/UNED).

Trátase dunha proba obxectiva de contido teórico-práctico con respostas múltiples, na que se responde a un total de 75 preguntas, divididas en dúas partes. Na primeira parte haberá 50 preguntas relativas a materias comúns referidas á  deontoloxía profesional, organización e exercicio da profesión; mentres que a segunda parte estará composta por 25 preguntas acerca de materias específicas dos ámbitos civil e mercantil, penal, administrativo e contencioso-administrativo e laboral.

Comentarios