martes 22/06/21

O galego non é de xustiza: nos xulgados do social o uso da lingua é inferior a 1%

A Mesa denuncia a vulneración dos dereitos lingüísticos da cidadanía galega na súa relación coa xustiza 
 

xustiza, xuices, xuiza,

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia a vulneración dos dereitos lingüísticos da cidadanía galega “ao non poder empregar a súa lingua na súa relación coa administración da xustiza”.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, denuncia que a aplicación coa que se tramitan os expedientes non está dispoñíbel na nosa lingua, “o que na práctica fai imposíbel o uso do galego por parte dos e das profesionais da administración pública de xustiza”. 

Ademais, afirma, incúmprese “sistematicamente” o contemplado no artigo 9 da Carta europea das linguas minorizas, que sinala que a petición dunha das partes os proceso xudiciais realizaranse na lingua minorizada.

“Así o puxo en evidencia a denuncia feita esta semana polo sindicato CIG, sinalando que aínda que presenta o 20% das demandas do Social na Galiza e solicitan sempre o uso do galego nestes procedementos só teñen resposta positiva con respecto ao uso da nosa lingua en menos do 1% dos casos!.

Perante isto, a entidade de defensa da lingua solicitou unha xuntanza co director xeral de Xustiza da Xunta de Galiza para o instar a que inicie canto antes a tradución da aplicación Minerva e dos seus modelos.

A Mesa indica que tanto do Informe Anual da Liña do Galego que cada ano emite a entidade de defensa da lingua como da enquisa sobre o uso do galego realizada polo INE despréndese que a vontade dunha importante parte da poboación galega por manter o uso da súa lingua “atopa impedimentos de todo tipo, visíbeis ao contrastarmos datos de uso cos de presenza en espazos como o 5% na xustiza, o 4% na programación infantil, o 1% nos seguros ou o o 0,6 % nos xogos e xoguetes, aos que se suma o crecente desprezo pola lingua propia na administración pública estatal e autonómica que concentran o 46% das queixas por vulneración dos dereitos lingüísticos”. "A presenza e tratamento do galego en Galiza, incluído o ensino, é o dunha lingua estranxeira", denuncia o presidente da Mesa, "só as persoas galegofalantes se ven forzadas a mudaren de lingua". "É este o equilibrio do que se gaban o PP e o presidente da Xunta? É esta a liberdade para o galego?", pregunta Maceira.


 

comentarios