mércores 05/08/20
Presidente da Irmandande Xurídica Galega

Xoaquín Monteagudo: "Hai dificultades para usar o galego: a infraestrutura xudicial non se adaptou"

A Irmandade Xurídica Galega ten un papel de divulgación do galego na Xustiza e pretende que se normalice o seu uso. Malia que queda moito camiño por andar, o presidente da Irmandade recoñece que a situación cambiou bastante con respecto a hai 30 ou 40 anos. Porén, exixe axuda das Administracións públicas.
Xoaquín Monteagudo nun acto en 2018 (Foto: Irmandade Xurídica Galega)
Xoaquín Monteagudo nun acto en 2018 (Foto: Irmandade Xurídica Galega)

A Irmandade Xurídica Galega realizou onte un acto en Celanova para recordar a primeira vez que se empregou o galego no seu xulgado. En que consistiu?
O que conmemoramos foi que o xulgado de Celanova entregou unha sentenza en galego nun proceso xudicial por primeira vez hai 25 anos. Ademais, a Irmandade Xurídica Galega fundámola no ano 2008 en Celanova. Foi un acto singular porque o noso primeiro evento como colectivo de xuristas preocupados polo galego realizouse no Mosteiro de San Rosendo, en Celanova. 

De cando dataría a aparición do galego na Xustiza?
Por buscar episodios máis ou menos significativos, hai 35 anos no que daquela era a audiencia territorial da Coruña, que hoxe é o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, se ditara a primeira sentenza en galego da época moderna. En concreto fora do contencioso-administrativo que presidía o maxistrado Claudio Movilla. Esa foi a primeira vez no noso tempo.

Cal foi a motivación para crear a Irmandade?
Como profesionais do dereito, funcionarios e cidadáns galegos pretendemos que a lingua, como elemento central da nosa cultura e da nosa identidade colectiva, sexa lingua oficial, real e efectiva, no ámbito da Administración de Xustiza e no mundo do dereito. O que facemos para conseguir iso é realizar actos por toda Galiza cunha natureza fundamentalmente divulgativa e pedagóxica. 

Teñen falado coas Administracións para que lles axuden a dar un pulo ao galego?
A situación do galego na Xustiza é moi insatisfactoria. Estou falando desde a perspectiva dun grupo privado que se preocupa. Carecemos dunha actuación programada e sistemática para lograr ese obxectivo. Hai que contextualizar o noso traballo nunha situación de penuria institucional. Hai que ter en conta que na situación de partida a Administración de Xustiza e o Dereito como tal é dos ámbitos sociais onde a lingua galega foi máis severamente marxinada. Carecemos dunha tradición histórica forte do galego como lingua xurídica e na que se ensina o Dereito. Somos xeracións de profesionais do Dereito que fomos educados en castelán nas facultades, co cal traballar en galego significa un sobreesforzo persoal. 

Fala dun empeño persoal.
É necesario porque non existe institucionalmente unha política destinada a incorporar o galego como lingua xurídica nos ámbitos nos que falamos. 

Aínda hai xente que non aproba o idioma do país na Xustiza?
Fóra de anécdotas, falando globalmente, eu creo que a situación mudou bastante a favor. Levo 40 anos de traballo no Dereito e son testemuña de que  hai 30, 40 ou 20 anos a situación era máis dificultosa que agora. 

En que sentido?
Había un ambiente hostil xeneralizado. Dicían: "Aí vén o do galego". A min me pasou dalgún maxistrado que suspendeu o xuízo ou quixo suspendelo porque el non tiña porque escoitar o galego. Eu creo que esa situación está superada. Hoxe acéptase como máis ou menos normal que un cidadán utilice a lingua galega. Na Irmandade Xurídica Galega somos unha minoría, pero facemos parte uns 250. Entre eles hai unha xeración nova que é galegofalante. Antes era impensábel. 

É algo positivo.
Iso non quita que haxa anécdotas condenábeis e que o uso do galego poida producir aínda hoxe certas dificultades. A infraestrutura de programas, documentos etc... non está adaptada ao uso do galego. 

Están a exixir a adaptación?
Unha das reivindicacións é que a informatización e automatización debería prever o uso do galego na Galiza. Aínda hoxe non o conseguimos. Todos os anos dísenos que si desde a Xunta pero non chega a nada. 

Hai adaptación dos programas ao euskera e catalán?
Penso que si. Os Gobernos de alí si que se preocuparon. Isto é inexplicábel.

Ninguén os escoitou?
A secretaría xeral de Política Lingüística colaborou con nós, pero o órgano competente na materia, a Dirección Xeral de Xustiza, está desaparecida. 

Tamén defenden un dereito cidadán.
A cidadanía galega ten unhas ideas do uso do galego froito dunha situación histórica. Se as institucións non colaboran para acabar co prexuízo, o galego nunca será unha lingua xurídica.

comentarios