VÍDEO

Rueda ignora o Estatuto de Autonomía e eleva o castelán a "lingua propia da Galiza"

O presidente da Xunta da Galiza, nunha entrevista en TVE, defende o "bilingüismo harmónico" e teima en ligar no seu discurso os termos "imposición" e "galego".

Alfonso Rueda, esta terza feira, en 'La Noche en 24 horas'. (Foto: TVE)
photo_camera Alfonso Rueda, nun momento da entrevista en 'La Noche en 24 horas'. (Captura: RTVE)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, ignora o Estatuto de Autonomía, a norma institucional básica en base á cal, por exemplo, el é presidente. Na noite desta terza feira, o titular da Xunta afirmaba nunha entrevista en La Noche en 24 horas de Televisión Española (TVE) que na Galiza hai dúas linguas propias. "Temos o orgullo de que haxa dúas linguas propias na Galiza", manifestou textualmente, en referencia ao galego e o castelán.

Tal afirmación do máximo titular do Goberno galego contradí o que estabelece o estatuto galego de 1981, onde se especifica que a única lingua propia que hai na Galiza é o galego. O artigo 5 recolle no seu punto 1 que "a lingua propia da Galiza é o galego". E no punto 2 estabelece que "os idiomas galego e castelán son oficiais na Galiza e todos teñen o dereito de coñecelos e usalos".

A seguir, no artigo 5.3 do Estatuto fíxase que "os poderes públicos da Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán a utilización do galego en todas as ordes da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento". A afirmación feita polo presidente durante a entrevista na TVE, pois, contradí a norma legal básica na que se rexe a autonomía da Galiza.

Rueda tamén defendeu durante o programa o "bilingüismo harmónico", concepto impulsado por Manuel Fraga cando era presidente da Xunta e que desde organizacións, entidades e colectivos de defensa do galego se denunciara como porta aberta ao retroceso nas políticas de normalización do galego.

O titular da Xunta da Galiza contrapuxo durante a entrevista este "bilingüismo harmónico" como algo que "non se dá noutras comunidades" e que "debemos de manter". Aliás, Alfonso Rueda volveu ligar no seu discurso sobre a lingua o concepto de "imposición" e "galego". "Non podemos facer imposicións", afirmou. "As linguas non deben de ser utilizadas como armas políticas", concluíu.

A Xunta incumpre as indicacións do Consello de Europa sobre o galego

As declaracións de Rueda en La Noche en 24 horas chegan apenas unha semana despois de que o comité de expertos que avaliaba o cumprimento da Carta Europea das linguas rexionais e minorizadas volvese analizar a situación do galego. O último informe do Comité de Expertos que avaliaba o cumprimento da Carta Europea das linguas rexionais e minorizadas por parte das institucións españolas é de 2019.

En base a este documento, o Comité de Ministros do Consello de Europa realizou catro indicacións directamente referidas á lingua galega: eliminar as limitacións ao ensino e galego en todos os niveis, modificar a Lei Xeral do Poder Xudicial para garantir que se poida usar a lingua galega nos procesos xudiciais; avanzar e mellorar no femprego do idioma propio da Galiza por parte da Administración do Estado, e que o estatuto de Asturias recolla a denominación e protección do  galego-asturiano.

"Non houbo avances significativos até a data na implementación desas indicacións" durante estes cinco anos, afirma A Mesa pola Normalización Lingüística no Informe da situación da lingua galega, documento de 56 páxinas que a delegación desta entidade entregou a semana pasada ao Comité de Expertos da Carta europea de linguas rexionais e minorizadas (Celrm).

Comentarios