Reforma do Código Penal: pena de cárcere por defender pacificamente a lingua?

A Mesa advirte das consecuencias da proposta lexislativa do Goberno español para suprimir o delito de sedición.
Mobilización en protesta polo uso deturpado do topónimo A Toxa, en 2021. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Mobilización en protesta polo uso deturpado do topónimo A Toxa, en 2021. (Foto: Nós Diario)

A reforma do Código Penal presentada polo Goberno español para suprimir o delito de sedición podería carrexar graves consecuencias para as persoas que se manifesten pacificamente na defensa da lingua. Esa é a advertencia que esta terza feira lanza a Mesa pola Normalización Lingüística, cuxo presidente, Marcos Maceira, cualifica a proposta como "un ataque á protesta social lexítima e pacífica".

Neste senso, desde a Mesa fan especial fincapé en que a participación en accións pacíficas na defensa da lingua propia do país "será obxecto de persecución e poderá levar consigo penas de prisión mesmo en ausencia de calquera tipo de violencia".

Así, poñen como exemplo as manifestacións dos últimos anos con centos de participantes en edificios da Xunta da Galiza ou as da illa da Toxa na defensa do topónimo oficial. "Mesmo as persoas que sufriron acusacións falsas realizadas pola Delegación do Goberno estatal sufrirían penas de prisión e inhabilitación", alerta o colectivo. De feito, o pasado ano aplicárase a 'Lei mordaza' a varios manifestantes da Toxa.

"A reforma do delito de sedición só dá inseguridade a calquera persoa que se manifeste e que poderá ser perseguida penalmente, se se considerar a existencia de calquera tipo de intimidación", cuestiona Marcos Maceira, quen lamenta que o Goberno español, "non contento con incumprir a promesa de derrogación da chamada 'Lei mordaza', criminalice agora calquera tipo de protesta pacífica".

A Mesa insiste en que esta reforma "penalizará accións que están desde hai décadas no repertorio da mobilización social e que empregan todos os colectivos de Galiza, como asociacións veciñais, cívicas, culturais de nais e pais, sindicais, políticas, cargos públicos... Independentemente da súa ideoloxía ou reivindicación".

Lembra a entidade pola defensa da lingua que, con base no texto presentado,"conleva prisión e inhabilitación a participación en cortes de tráfico, a entrada en edificios públicos ou as manifestacións notificadas fóra de prazo, aínda que se desenvolvan pacificamente".

Comentarios