Asemblea Xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas

Reclaman a derrogación do Decreto do Plurilingüismo e igualdade na nova Lei do Audiovisual

A Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN) fala de "fracaso xeral da Unión Europea" no tema da defensa das lingua minorizadas e pide que se leven a cabo as reclamacións do Consello de Europa.
Rolda de prensa de ELEN (Nós Diartio).
photo_camera Rolda de prensa de ELEN (Nós Diario).

O secretario xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN), Davyth Hicks, denunciou este sábado en Compostela o "fracaso xeral da Unión Europea para actuar en defensa das nosas linguas".

Nun encontro cos medios de comunicación o responsábel deste organismo, xunto ao presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e recentemente reeleito vicepresidente de ELEN, Marcos Maceira, reclamaron que os gobernos da Galiza e o Estado español atendan as exixencias do Consello de Europa e derroguen o Decreto do Plurilingüismo.

Hicks, denunciou o "fracaso xeral da Unión Europea para actuar en defensa das nosas linguas". En relación a Galiza, Maceira e Hicks insistiron en que o Goberno galego "debe dar cumprimento sen demora ás reclamacións do Consello de Europa garantindo o galego como lingua vehicular en todas as etapas e materias do ensino".

Alén diso, demandaron que se asegurase a igualdade de todas as linguas oficiais na futura Lei do Audiovisual que está a preparar o Goberno español.

Maceira, polo seu lado, afirmou que "fronte ao cuestionamento da democracia e dos dereitos fundamentais a defensa das linguas está a xogar un papel de primeira orde en Galiza e en toda Europa". Cre que "defender as linguas, procurar a súa completa igualdade e o recoñecemento de dereitos é parte esencial da loita democracia".

Na súa intervención, Maceira afirmou que "todas as discriminacións deben ser eliminadas, tamén a lingüística", para rematar concluíndo que "a que mostra máis claramente a diversidade e a pluralidade".

A Lei Molac e Irlanda

As 35 delegadas e delegados que participaron na Asemblea Xeral de ELEN, en representación de 47 linguas de 24 Estados europeos, expresaron tamén a súa preocupación pola crise xerada en Francia pola sentenza do tribunal constitucional sobre a Lei Molac, que socava a inmersión lingüística na educación, e acordaron manter activa a apelación presentada ao respecto por ELEN perante a ONU.

Outro dos grandes temas que centrou a atención das persoas participantes no encontro foi a Lei da Lingua Irlandesa nos 6 condados e a preocupación por cando chegará ao Parlamento británico.

Elin Haf Gruffydd-Jones, nova presidenta de ELEN

A asamblea de ELEN acordou o nomeamento da galesa Elin Haf Gruffydd-Jones -que comezou e fechou a súa intervención falando galego- como nova presidenta da entidade e recoñeceu o labor desenvolvido por Paul Bilbao-Sarria, secretario xeral de Kontseiua, nomeado socio de honra da Mesa pola Normalización Lingüística.

A Rede Europea para a Igualdade das Linguas ten como obxectivo a promoción e protección das linguas europeas menos utilizadas, traballar no sentido de igualdade e para ser unha voz para os falantes de linguas a nivel local, rexional, nacional, europeo e internacional.

Representa 47 comunidades lingüísticas con 168 entidades de 23 Estados europeos e ten carácter de organismo consultivo do Parlamento Europeo, do Consello de Europa, das Nacións Unidas e da UNESCO.

Forma parte, ademais, da Plataforma de ONG da Comisión Europea para Multilingüismo, a Plataforma de ONG para Cultura, a Plataforma de ONG para a Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, e do Consello Económico e Social da ONU.

Comentarios