Denuncia do BNG no Congreso

Un novo informe alerta da desprotección do galego nas zonas limítrofes con Asturias e León

A deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez vén de facerse eco dun novo informe que alerta da mala situación que atravesa a lingua

O Informe do Comité Consultivo do Convenio Marco para a protección das Minorías Nacionais alerta da desprotección que sofre o galego e da desconsideración do Estado español sobre a pluralidade lingüística. Así o advirte a deputada do BNG no Congreso Rosana Pérez nunha iniciativa parlamentar na que chama a atención sobre o desamparo da lingua nas zonas de fala galega limítrofes con Asturias e León

O Comité Consultivo salienta no informe que o Estado debe incluír nos seus compromisos a promoción e a protección das linguas minoritarias como o galego. Deste xeito, empraza o Goberno español a adoptar medidas directas de promoción das diferentes realidades lingüísticas a través de canles de diálogo e comunicación coas entidades de defensa das linguas. Nese sentido, o BNG demándalle ao Executivo que “tome nota” das recomendacións do Comité Consultivo e adopte medidas de promoción do galego.

A situación irá a peor, xa que o galego deixará de ser materia optativa no Bierzo, para pasar a ser considerada materia extraescolar

“Esta situación empeorou após a aprobación da LOMCE. No Bierzo, o galego deixará de ser materia optativa para pasar a ser considerada como materia extraescolar”, sinala Rosana Pérez na iniciativa parlamentar. A nacionalista exixe na iniciativa a anulación da LOMCE e critica “o bochorno que implica que informes internacionais de prestixio poñan en evidencia o enorme retroceso do galego”. 

“O Goberno debería actuar con dilixencia”, afirma Rosana Pérez, que considera que o Executivo debería comezar pola utilización correcta da toponimia oficial de Galiza e polo avance no uso do galego no ámbito da Xustiza.
 

Comentarios