María Obelleiro: "Para a saúde do idioma é necesario un sistema de medios de comunicación en galego forte"

A directora de 'Nós Diario' participou hoxe nos Cursos de lingua e cultura galegas 'Galego sen fronteiras', organizados pola Real Academia Galega, cun relatorio titulado 'Medios e lingua galega, por que non?', no que ofreceu un extenso percorrido pola historia do xornalismo en galego até a actualidade, e reflexionou sobre os atrancos que limitan a presenza do noso idioma no ecosistema mediático.
María Obelleiro, na aula, esta terza feira. (Foto: RAG)
photo_camera María Obelleiro, na aula, esta terza feira. (Foto: RAG)

"A saúde dunha lingua defínese, entre outros factores, polo número de medios que a utilizan. Para a saúde do noso idioma e do país é necesario ter un sistema de medios de comunicación en galego forte". Partindo desta reflexión sobre a presenza "moi reducida" da lingua propia da Galiza na prensa escrita participou esta terza feira a directora de Nós Diario, María Obelleiro, na trixésimo terceira edición dos Cursos de lingua e cultura galegas 'Galego sen fronteiras', organizados pola Real Academia Galega e coa participación, este ano, de medio cento de alumnas e alumnos de diferentes países, perfís profesionais e idades. A quenda de Obelleiro chegou logo das intervencións da escritora Marilar Aleixandre, o cineasta Álvaro Gago e a biógrafa de Francisco Fernández del Riego, Malores Villanueva. Esta quinta feira, día 20, a escritora Fina Casalderrey fechará o ciclo.

No seu relatorio, titulado 'Medios e lingua galega, por que non?', a directora de Nós ofreceu un extenso percorrido pola historia do xornalismo en galego, desde os precursores O Vello do Pico Sagro, O Tío Marcos d’A Portela ou A Monteira, até a actualidade, e reflexionou sobre os atrancos que limitan a presenza do noso idioma no ecosistema mediático. "Entre 1840 e 1850 aumenta de maneira considerábel o número de cabeceiras de prensa, así como a diversidade temática dos seus contidos, non obstante a presenza da lingua galega nelas foi moi reducida. O galego cínguese a algunhas poesías presentes nas páxinas de El Centinela de Galicia, La Aurora de Galicia, La Oliva ou o do Diario de la Coruña", sinalou.

Chegados ao momento actual, salientou, aludindo a Nós Diario, que "tan só un dos medios diarios en papel entre a decena de cabeceiras que se imprimen na Galiza está redactado en lingua galega". Mais, tal e como lembrou a xornalista, a práctica exclusión do galego dos principais medios de comunicación presentes na Galiza non se limita á prensa en papel, pois hoxe "só é posíbel escoitar, de norte a sur, e de leste a oeste do país, unha soa emisora en lingua galega, a radio pública; e o mesmo acontece coa televisión".

María Obelleiro analizou os diversos medios de financiamento do panorama mediático galego, desde as subvencións públicas por parte de administracións como a Xunta da Galiza até as achegas de milleiros de lectores e lectoras que permiten dar continuidade a proxectos xornalísticos como o propio Nós Diario, o xornal Praza.gal ou revistas como Tempos e Luzes. "Os medios de comunicación son tamén un síntoma do estado xeral dunha sociedade. O galego non pode quedar á marxe dunha práctica que iguala, a da información, pois cada nova en galego engade o valor de ser nós mesmas protagonistas", dixo.

A directora de 'Nós Diario', María Obelleiro, participou esta terza feira no curso da Academia 'Galego sen fronteiras'. (Foto RAG)
A directora de 'Nós Diario', María Obelleiro, participou esta terza feira no curso da Academia 'Galego sen fronteiras'. (Foto RAG)

Así, defendeu a necesidade de que o xornalismo "se reinvente cada día e ocupe os espazos que demanda a poboación". E, na mesma liña, achegou unha ollada comparativa coa situación que vive a prensa no idioma propio en Catalunya e Euskadi, onde as súas respectivas linguas, catalán e euskera, "gozan dun escenario xornalístico máis favorábel" por mor, especialmente, do apoio institucional.

A día de hoxe, reiterou, "o sector dos medios vive na Galiza intensos cambios na busca de non perder posicións e de gañar espazos", o que leva as principais empresas a "afrontar procesos de reorganización". "O desafío", enfatizou, é "artellar alternativas mediáticas viábeis que conquisten novos públicos desencantados cos medios dominantes e novas xeracións de lectores e audiencias activas".

No apartado das cabeceiras históricas, a xornalista fixo mención especial á abordaxe vangardista dos xéneros periodísticos que significou A Nosa Terra antes do golpe de Estado de 1936. "A Xeración que chega até o 36 fai política, fai xornalismo, fai axitación cultural, déixanos un ronsel de realizacións. Neste período a prensa desenvolve os xéneros complexos, como a reportaxe, e singulariza o artigo de opinión", explicou.

E posteriormente, xa no exilio após asentarse a ditadura franquista, Obelleiro destacou o rol de Galicia Emigrante. "Nesta última publicación, Francisco Fernández del Riego, protagonista do Día das Letras Galegas 2023, desenvolveu un xénero aínda pouco visitado e cuestionado nos medios escritos daquel tempo, a entrevista, con conversas cos representantes máis destacados da cultura", subliñou.

Comentarios