Gromo, máscara, nós, pandemia, seteiro ou vacina: as candidatas a palabras do ano 2020

Son o resultado da fase de recollida de propostas, na que participaron máis de 5.500 persoas.

palabra do ano 2020

Dende o Portal das Palabras propoñen dende 2014 participar na Palabra do Ano, a elección colectiva da voz que mellor resuma o ano a piques de rematar, ou que saliente un tema de especial relevancia nos últimos doce meses, ou incluso unha maneira de buscarmos acougo. Os 5.500 particiopantes nesta ocasión elixiron como finalistas gromo, máscara, nós, pandemia, seteiro ou vacina.

Moitas das suxestións  teñen que ver, de feito, coa situación sanitaria que se padece a nivel mundial. Mais hai quen prefire centrarse nalgunhas das cousas boas deste ano e celebrar efemérides destacadas como o centenario da xeración Nós; ou animar a coñecer mellor o ceo e os seus nomes, como suxire a presenza entre as finalistas dun dos xeitos de chamarlle á constelación que na nomenclatura latina se designa como Sagittarius.

Gromo, máscara, vacina e pandemia son vocábulos do noso dicionario que pasaron a ter un novo significado na vida cotiá e mesmo nas obras lexicográficas.

Nas edicións anteriores gañaron sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) -cadrando co centenario das Irmandades da Fala-, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014). 

Comentarios