O galego gaña atractivo no Bierzo e Seabra

O número de alumnas e alumnos que estudan o idioma propio da Galiza volveu crecer e supera os 1.100. Así o asegurou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Pintada no Bierzo a prol do galego, nunha imaxe de arquivo (Foto: Javier Lago Mestre).
photo_camera Pintada no Bierzo a prol do galego, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Javier Lago Mestre)

Tan importante é o achegamento cultural da Galiza e O Bierzo, como a proximidade lingüística entre ambos territorios. En numerosas ocasións persoas expertas e representantes da poboación teñen asegurado que o galego é un idioma empregado nas zonas de Castela e León limítrofes coa Galiza.

De feito, atendendo as palabras desta segunda feira do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, podería existir un novo achegamento da mocidade á lingua galega.

Segundo asegurou o representante do Goberno galego, vén de medrar o número de alumnas e alumnos que estudan o idioma do país quer no Bierzo, quer en Seabra.

933 atópanse nas etapas de Educación Infantil e Primaria. Outros 137 están xa nos institutos

Así, durante a reunión anual de seguimento do programa de promoción da lingua galega en ambas zonas -un protocolo asinado polos dous executivos territoriais hai 20 anos, explicou que agora os estudantes están en 1.115.

Após falar con representantes da Administración leonesa, García aclarou que este curso 32 crianzas máis que o curso pasado solicitaron facer estudos de galego nalgún dos 19 centros educativos adscritos ao proxecto nas dúas comarcas.

En concreto, do máis dun milleiro de estudantes da lingua da Galiza, 933 atópanse nas etapas de Educación Infantil e Primaria. Outros 137 están xa nos institutos.

Na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada tamén se ofertan clases de galego para preparar desde o nivel máis básico, o A2, até o de especialización, C1. Alí hai inscritas 45 persoas en total.

Comentarios