A Deputación de Lugo tende pontes co Bierzo

Representantes da entidade e da Coalición polo Bierzo reuníronse en San Marcos, onde abordaron diferentes cuestións, desde o despoboamento e avellentamento poboacional até os eólicos, pasando pola situación do galego.  
Efrén Castro, Javier Martínez, Iván Alonso e Maite Ferreiro deputacion lugo o bierzo
photo_camera Efrén Castro, Javier Martínez, Iván Alonso e Maite Ferreiro (Foto: Deputacion de Lugo)

A  vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, e o deputado de Deportes, Artesanía e Deseño e Memoria Histórica, Efrén Castro, recibiron en San Marcos a Iván Alonso, portavoz de Coalición polo Bierzo e membro do Consello Comarcal do Bierzo, e Javier Martínez, vocal da secretaría de organización da formación.

A xuntanza foi unha primeira toma de contacto para “poñer en común aquelas cuestións nas que Galiza, e especificamente os concellos da Montaña lucense, e O Bierzo temos intereses compartidos tanto en materia cultural como económica e social”, explicou a vicepresidenta Maite Ferreiro.

Así, durante o encontro,  puxéronse sobre a mesa algunhas das problemáticas que afectan este territorio, como a carencia e a dificultade de acceso a uns servizos públicos que se adapten a unha realidade demográfica marcada pola dispersión e o avellentamento da poboación.

Tamén se abordou o impacto dos megaproxectos eólicos previstos na zona, á marxe das garantías ambientais e da planificación necesaria para garantir o seu retorno socioecónomico. Asi mesmo, compartiuse a necesidade de seguir afondando na promoción do galego tanto no ensino como noutras ámbitos de socialización para manter a lingua viva.

Por outra parte, Maite Ferreiro amosou a disposición da Deputación de Lugo a participar e colaborar na celebración do bicentenario do recoñecemento do Bierzo como provincia, que se conmemora este ano, con propostas que visibilicen a historia compartida entre os dous territorios administrativos.

A vicepresidenta Maite Ferreiro explicou que “os representantes de Coalición polo Bierzo tamén nos trasladaron a vontade de abrir un proceso de diálogo que explore as opcións de encaixe territorial do Bierzo no contexto do Estado, partindo do seu recoñecemento como provincia. Unha demanda recollida por diferentes movementos políticos e sociais bercianos nas últimas catro décadas, que o BNG transladou a través dunha proposición non de lei ao Parlamento de Galiza”

Nese senso, a vicepresidenta sinalou que “desde a Deputación de Lugo ofrecemos a nosa colaboración para articular un foro estábel no que abordar estas cuestións e desenvolver propostas que aproveiten eses vínculos e intereses comúns para mellorar a calidade de vida das persoas que viven e traballan a un e outro lado da fronteira administrativa”.


O Bierzo está integrado por 38 concellos que suman máis de 126.000 habitantes -65.000 en Ponferrada-. Está configurado como comarca desde 1991 e conta cun órgano de xestión e administración propia, o Consello Comarcal do Bierzo.

Comentarios