Fala Ceibe reivindica a toponimia galega do Bierzo e pide incluíla na plataforma Galiza Nomeada

Denunciarao perante a Xunta da Galiza e a RAG e trasladará a cuestión ás forzas parlamentarias a fin de que promovan unha proposición non de lei.
Pintada no Bierzo a prol do galego, nunha imaxe de arquivo (Foto: Javier Lago Mestre).
photo_camera Pintada no Bierzo a prol do galego, nunha imaxe de arquivo (Foto: Javier Lago Mestre).

O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo censurou esta cuarta feira, a través do comunicado, que a plataforma Galiza Nomeada esqueza a presenza da toponimia galega presente nos territorios do Eo-Navia, O Bierzo e As Portelas sanabresas.

Este é un proxecto colaborativo impulsado pola Xunta da Galiza e a Real Academia Galega (RAG) que ten por obxectivo a recuperación da toponimia oral. Até o momento recompilou 160.000 microtopónimos.

"No Bierzo levamos décadas de reivindicación a prol da recuperación da nosa toponimia galega. Acotío temos enfronte os atrancos políticos e xurídicos das institucións de Castela e León. E agora vemos que tamén institucións públicas da Galiza se opoñen a isto", sinalaron.

A este respecto, Fala Ceibe considera "lamentábel" que desde a Galiza "fixen un lindeiro político entre comunidades veciñas, para ignorar a toponimia berciana de hoxe".

"Lembremos que os Estatutos da Galiza e da Real Academia Galega regulan parcialmente a protección do chamado galego exterior. Estamos convencidos que esta política lingüística é claramente antigalega, porque o galego histórico racha coa fronteira política actual e está moi presente nos tres territorios estremeiros anteditos", engaden.

A toponimia histórica berciana está "moi presente", apuntan, nos tumbos dos mosteiros (Carracedo, San Pedro de Montes, Santo Andrés de Espiñareda…). Conta tamén cos "vellos protocolos notariais", nos que se delimitan as terras dos concellos rurais ou as leiras dos labregos. "Hoxe os mapas topográficos nacionais, do Instituto Xeográfico Nacional, recolle aínda os topónimos galegos do Bierzo occidental. Os filólogos galegos, como Francisco Fernández Rei e Ana Seco Orosa, estudaron a toponimia galega do Bierzo, outro tanto acontece co asturiano Jesús García e García", salientan.

En consecuencia, Fala Ceibe do Bierzo denunciará por escrito, perante a Xunta e a RAG, esta cuestión, alén de trasladala aos partidos políticos representados no Parlamento da Galiza, a fin de que se debata na Cámara unha proposición non de lei.

Comentarios