Exixen a Valedora que garanta o uso do galego no ensino en "igualdade co resto de linguas"

O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza (STEG) reacciona desta forma ao informe da Real Academia Galega (RAG) no que revelou o baixo coñecemento do galego por parte das e dos estudantes do país. Porén, céntrase no informe do 'Mapa sociolingüístico escolar de Ames' para resaltar a preocupación polo efecto "desgaleguizador" do sistema educativo.
Sede da Valedora do Pobo, en Compostela. (Foto: Google)
photo_camera Sede da Valedora do Pobo, en Compostela. (Foto: Google)

O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino da Galiza (STEG) presentou unha queixa na Valedora do Pobo perante os datos sobre a situación do galego entre os escolares dados a coñecer no último estudo elaborado pola Real Academia Galega (RAG).

O 'mapa  sociolingüístico escolar de Ames' constata o efecto desgaleguizador que exerce o sistema educativo nos menores de Galiza, sobre todo co paso das diferentes etapas académicas.

O informe confirma que estes procesos de substitución lingüística cara ao español inícianse desde as idades máis temperás, para consolidarse na adolescencia. De feito, un de cada dez alumnos renuncia á lingua familiar xa no seu primeiro contacto co centro.

"Reflexión"

STEG considera que o documento "debería suscitar unha profunda reflexión" por parte das institucións á hora de tomar medidas para corrixir esta situación, e entenden como "unha obrigación ética e moral preservar a lingua propia do país e non obviar a realidade  obstinada dos datos".

Por todo iso, solicitan á  valedora "para que faga valer non só os dereitos da cidadanía, senón os da infancia" e poida apoiar que a escola "contribúa á aprendizaxe da lingua propia" e garanta o seu uso en "igualdade co resto de linguas".

Após o contundente diagnóstico publicado pola Real Academia Galega que sitúa o medio escolar como "hostil" para o galego, Nós Diario conversa con expertos para botar luz e atopar as ferramentas que melloren a situación da lingua na mocidade.

Perda

Os datos falan por si sós no 'Mapa sociolingüístico escolar de Ames' (o traballo da RAG realizado en colaboración co Concello): a perda de 10% de galegofalantes iniciais prodúcese xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil. 

Esa porcentaxe "vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo até cifras extremadamente preocupantes". Na ESO só 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a 77% de castelanfalantes.

“O que demostra este traballo é que o medio escolar non é amigábel para o galego”, afirmou Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, responsábel da investigación.

Comentarios