Caras novas en San Caetano: quen é quen no novo Goberno de Alfonso Rueda?

Unha das principais novidades é a supresión das dúas vicepresidencias, que até o de agora ostentaban Ángeles Vázquez e Diego Calvo.
Investidura do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Discurso de toma de posesión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este pasado sábado en Bonaval. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O Goberno galego contará desde esta segunda feira, unha vez que tomen posesión dos seus cargos, con catro caras novas nun Consello da Xunta que estará encabezado por Alfonso Rueda como presidente e integrado por doce consellarías —unha máis que na actualidade— que dirixirán cinco mulleres e sete homes.

Os perfís das novas fichaxes do mandatario galego son variados, aínda que dous evidencian a súa aposta por quen se curtiu na política municipal: as rexedoras de Guntín (comarca de Lugo) e A Estrada (Tabeirós-Terra de Montes) para dirixir Medio Rural e a nova Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude, respectivamente.

'O Pequeno', aposta persoal de Rueda

José Carlos López Campos (A Estrada, 1974) foi o gran protagonista das quinielas de conselleiros nas últimas semanas. Unha dilatada traxectoria municipal, a súa boa relación co líder provincial do PP de Pontevedra, Luís López, 'Lugués', quen terá que prescindir del na Deputación de Pontevedra, e a súa proximidade co propio Rueda. foron os principais factores que o levaron a San Caetano.

Con el fixo un tramo do Camiño de Santiago en bicicleta recentemente, o que reforzou os rumores, aínda que, preguntado ao respecto, o aínda rexedor afirmou que fora unha viaxe de "lecer e amizade" na que non se tocara o asunto do novo goberno. Del hai quen destaca a súa tenacidade e capacidade de traballo. Verbalizouno un destacado dirixente do PP de Pontevedra citado pola axencia Europa Press cando López Campos empezaba a despuntar nas quinielas semanas atrás: "Non sei se será conselleiro ao final, pero podería dirixir calquera área. Até podería ser un [Miguel] Corgos".

Tras a súa ampla carreira na política municipal, o alcalde dá un salto á Xunta onde destacará inevitabelmente por un trazo físico que o acompaña: os seus 2,02 metros de altura. Tanto é así que foi rebautizado por Alberto Núñez Feixoo como 'O Pequeno', aínda que el mesmo recoñecía nunha entrevista que desde que este marchou a liderar o PP xa non lle chaman tanto así. "Sospeito que nos puña motes porque non se acordaba dos nosos nomes", chegou a chancear.

O novo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude foi directivo no sector da banca e comezou a súa traxectoria política en 2003 cando saíu elixido concelleiro de Industria e Comercio e tenente de alcalde. Posteriormente, nas eleccións municipais de 2011 foi elixido alcalde da Estrada por maioría absoluta, revalidando o resultado en 2015, 2019 e 2023. Neste tempo tamén foi deputado no Parlamento da Galiza, entre 2009 e 2011, e deputado provincial entre 2011 e 2015 e a partir de xullo de 2019.

Alcaldesa, senadora e gandeira

Outra das caras novas é María José Gómez (Guntín, 1976), que asume a carteira de Medio Rural que deixa libre José González para coller Emprego. Licenciada en Filoloxía Inglesa e en Humanidades, desde 2008 é profesora de ensino secundario no ensino público, na especialidade de Inglés. Desde 2019 é alcaldesa de Guntín e, despois das eleccións estatais de xullo de 2023, senadora pola circunscrición de Lugo.

Entre 2014 e 2017 foi vicedirectora do IES de Monterroso, no que coordinou a sección bilingüe. Entre 2017 e 2022 foi xefa de coordinación de Cultura en Lugo e entre 2022 e 2023 xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades na mesma provincia.

Pero fontes do PP de Lugo consultadas por Europa Press destacan sobre todo que "ninguén pode coñecer mellor o sector" que unha persoa como Gómez, que, ademais ser "humilde, sinxela e con enorme capacidade de traballo", ten na súa casa unha explotación con decenas de cabezas de gando. A súa familia —tamén o marido— están vinculados ao sector agrario, clave na provincia de Lugo. "Sabe do que fala porque ela traballa na súa explotación e muxe vacas", trasladaron.

Allegue, funcionaria de carreira

Máis técnicas son as outras dúas fichaxes de Rueda. Así, a pontevedresa María Martínez Allegue, de 46 anos, farase cargo da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Licenciada en Dereito e funcionaria de carreira de administración local, entre 2010 e 2015 foi directora xeral da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), entre 2015 e 2023 xefa de área provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) en Pontevedra e entre 2023 e 2024 xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade en Pontevedra.

Con Rueda comparte, ademais da orixe pontevedresa, o seu posto de traballo de orixe. E é que exerceu como secretaria-interventora no Concello de Lousame, secretaria nos concellos de Tui e Mos e tesoureira no Concello de Marín. Desde as últimas eleccións galegas é deputada, e fora designada como unha das viceportavoces do grupo popular, que lle terá que buscar substituta.

En Sanidade, Antonio Gómez Caamaño recolle a carteira que deixa vacante Julio García Comesaña. Nado en Ferrol en 1962, é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Oviedo e especialista en Oncoloxía Radioterápica. Desde o 2013 é xefe de servizo de Oncoloxía Radioterápica do Hospital Clínico Universitario de Santiago, servizo no que traballa desde o ano 2000. Entre 2021 e 2023 foi presidente da Sociedade Española de Oncoloxía Radioterápica.

Ademais, é profesor asociado en USC, docente en cursos en varias universidades españolas e relator en 250 eventos científicos. A súa actividade asistencial e investigadora céntrase no cancro xenitourinario, no de pulmón e na radioxenómica.

Oito conselleiros e conselleiras que continúan

Oito conselleiros e conselleiras repetirán no Consello da Xunta xunto a Alfonso Rueda. Diego Calvo Pouso (San Sadurniño, 1975), conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, é licenciado en Ciencias Económicas na USC. Foi deputado en distintas ocasións desde 2003, ademais de ser concelleiro en Ferrol e presidente da Deputación da Coruña, cargo que desempeñou até 2015. En 2022 foi nomeado vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Ángeles Vázquez (Melide, 1972), que suma ás competencias de Medio Ambiente as de Cambio Climático, é licenciada en Xeografía e Historia pola USC. Foi alcaldesa de Melide desde o ano 2011 até 2016, cargo que tamén ocupou entre os anos 2004 e 2007. Desde outubro do 2015 até setembro de 2018 foi conselleira do Medio Rural e, desde ese ano, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Repite tamén no Consello Román Rodríguez, que deixa Cultura e volve asumir Educación, Universidades e FP, ás que suma Ciencia. Nado en Lalín en 1968, é doutor en Xeografía e profesor titular do Departamento de Xeografía da USC. Entrou como conselleiro en 2015 e continuou, con distintas funcións, até o de agora.

Fabiola García (Ribeira, 1985), conselleira de Política Social e Igualdade, é licenciada en Dereito, foi primeira tenente de alcalde do Concello de Ribeira e desde decembro do 2016 até setembro de 2018 foi directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade na Consellaría de Política Social.

En Economía e Industria mantense María Jesús Lorenzá (A Coruña, 1981), licenciada en Dereito que forma parte da escala de Letrados da Xunta. Desde novembro do 2011 até febreiro de 2013 ocupou o posto de asesora xurídica da Presidencia da Xunta e a partir dese ano secretaria xeral ténica de varias consellarías até 2018.

Á fronte de Facenda e Administración Pública repite Miguel Corgos (A Coruña, 1971). Licenciado en Ciencias Económicas, ocupou varios postos técnicos ligados ao ámbito financeiro da Administración até que se puxo á fronte da Consellaría en 2021, despois de falecer Valeriano Martínez.

En Emprego estará agora José González (Ourense, 1970). Licenciado en Dereito, foi desde 2018 e até hoxe conselleiro do Medio Rural. Por último, Alfonso Vilares (Cervo, 1970), conselleiro do Mar, é licenciado en Veterinaria e foi alcalde da súa localidade natal desde 2007 até que se converteu en conselleiro en 2023.

Comentarios