PP, BNG e PSdeG rexistran unha comisión para restituír o Himno galego após rexeitar a ILP de Vía Galega

A petición conxunta estudará a restauración da letra orixinal de 'Os Pinos'.
Eduardo Pondal. (Foto: RAG)
photo_camera Eduardo Pondal. (Foto: RAG)

Os grupos parlamentarios do PPdeG, BNG e PSdeG rexistraron esta terza feira unha petición conxunta a través dos seus portavoces para a constitución dunha comisión non permanente especial de estudo sobre a posíbel modificación da letra do Himno galego.

Esta petición conxunta chega despois de que o pasado mes de setembro o pleno do Parlamento, cos votos do PP e do PSOE, rexeitase admitir a trámite a proposición de lei de iniciativa lexislativa popular (ILP) avalada por máis de 16.000 sinaturas e que pedía a corrección da letra do Himno galego para restaurar a versión do poema que escribiu Eduardo Pondal e como el propio expresara nunha misiva de 11 de xaneiro de 1913 —cando xa estaba afectado de cegueira e non puido precisar máis detalles sobre os erros que se produciron na impresión do poema na Habana—.

A carta

Alberto Pazos (PPdeG), Ana Pontón (BNG) e Luís Álvarez (PSdeG) rexistraron esta petición conxunta para crear esta comisión de estudo, na que se analizará o achado desta carta —como novidade con respecto aos anteriores intentos parlamentarios que xa houbo neste sentido (nos anos 90 do século pasado e neste século)—.

Manuel Ferreiro, catedrático da Universidade da Coruña e experto na figura de Pondal, foi quen defendeu na Cámara galega a Iniciativa Lexislativa Popular impulsada por Vía Galega e a Federación Galiza Cultura. En declaracións a Nós Diario pouco despois do rexeitamento da ILP apelaba a se implicar para que "non se cumpran os nefastos agoiros de que pode chegar marzo, se disolva a Cámara e todo quede en nada" na restuitución do Himno.

Por que está deturpado o Himno galego?

Manuel Ferreiro foi o encargado de defender a iniciativa lexislativa popular (ILP)l. "A versión certa do himno é a que esta ILP presenta, adaptado, claro está, á grafía moderna vixente. As probas son indiscutíbeis, e o texto presentado é o verdadeiro texto de Eduardo Pondal, sen esa acumulación de anomalías lingüístico-textuais contraditorias coa escrita pondaliana", alegou Ferreiro desde a tribuna.

A versión do Himno que chegou aos nosos tempos, oficializada por diferentes institucións e entidades ao longo do pasado século, conta con numerosas "deficiencias textuais", precisou o catedrático, entre as que salientou incorreccións na puntuación, "que na versión oficial desapareceu a indicación de que o texto é un diálogo".

Tamén "nivelacións lingüísticas de menor transcendencia, mais que non corresponden ao orixinal pondaliano, xunto cunha mudanza con importancia métrica e estilística —o artificial 'soo' en vez do orixinal e certo 'sós'—; formas idiomáticas alleas ao poema orixinal pondaliano como 'ronco', xamais utilizado por Pondal e un hiperenxebrismo que, afirmou, repugnaría ao poeta, como iñorantes".

Comentarios