33.000 sinaturas por unha canle ‘Xabarín’

A Mesa entrega no Parlamento as firmas en apoio da iniciativa Xabarín para mellorar a programación infantil e xuvenil en galego

Entrega_Rexistro_01_Sinaturas_Xabarin
photo_camera Marcos Maceira entregando as sinaturas (Foto: A Mesa)

A Mesa pola Normalización Lingüística entregou na mañá desta cuarta feira no Parlamento de Galiza máis de 33.000 sinaturas en apoio da Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular ao Parlamento de Galiza para instar o Goberno galego a tomar as medidas precisas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle "Xabarín".

Unha oferta, explica a entidade, “con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada para todos os dispositivos e que conte ademais con programas e xogos”. 

A iniciativa tamén insta tamén a que toda a programación televisiva, incluídas as plataformas e TVE, teñan versión en galego orixinal, dobrada ou lexendada.  

"A porcentaxe de galego na programación infantil e xuvenil é do 4,6% durante a semana e cae ao 2,7% na fin de semana"

"A enorme cantidade de sinaturas recollidas a pesar das dificuldades no contexto sociosanitario actual demostra que o problema da lingua galega no audiovisual e outros sectores non é de demanda senón de ausencia de oferta", asegura o presidente da entidade, Marcos Maceira.

Neste sentido, Maceira lembra tamén que "a porcentaxe de galego na programación infantil e xuvenil é do 4,6% durante a semana e cae ao 2,7% na fin de semana e que a programación en galego só está garantida por unha única canle, a TVG". "No contexto das plataformas dixitais o galego, simplemente, non existe", denuncia.

"A unanimidade social arredor da Iniciativa Xabarín débese reflectir nun apoio unánime do Parlamento", afirma Maceira. Neste sentido, o responsábel da entidade de defensa da lingua advirte que a Mesa traballará os próximos días en conseguir o voto afirmativo de todos os grupos parlamentares.

A Mesa anunciou que após o debate parlamentar a iniciativa continuará desenvolvéndose para que a nova lei do audiovisual que presentará o goberno español recolla estas demandas estabelecendo unha porcentaxe de galego igual a do castelán en todas as emisións orixinais, dobradas ou lexendadas, lineais ou baixo demanda, así como igualdade no financiamento anticipado das producións.

"A situación do galego non é irreversíbel se entre todas e todos traballamos para mudala", salienta Maceira, "e iso pasa, en primeiro termo, por garantir a presenza do galego en todos os espazos tamén o audiovisual que cada vez máis ocupa un espazo central no lecer da mocidade".

A Mesa agradeceu aos centos de estabelecementos comerciais e de restauración, persoas voluntarias e as entidades sociais que mantiveron até o final con moitas dificultades a colaboración coa iniciativa.

Comentarios