Concepción Álvarez Lebredo: “A poesía ten que ser transparente”

A gañadora do V Premio de Poesía Victoriano co libro “Distancias e simetrías”, o seu primeiro poemario, explica que coa obra quixo homenaxear ás persoas que falan galego en Asturies.
Maria Concepción Álvarez Lebredo
photo_camera Maria Concepción Álvarez Lebredo

O xurado do V Premio de Poesía Victoriano, integrado pol@s escritor@s Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Araceli Gonda, Carlos Negro e Miguel Anxo Mouriño, declarou gañadora da convocatoria deste ano o poemario Distancias e Simetrías de María Concepción Álvarez Lebredo (Vigo, 1970). Esta profesora de literatura gañou no ano 2002 o segundo premio no certame de relato histórico Reconquista, convocado polo Instituto de Estudios Vigueses, e agora achégase por primeira vez ao universo poético. O libro gañador publicarase na colección Victoriano Taibo do IEM e o premio, dotado con 3.000 euros, entregarase no mes de novembro.

Que sentiu cando lle comunicaron o premio?
Sentín unha sorpresa moi grande e mesmo non sabía que era finalista posto que estaba fóra de Galiza. Unha satisfacción enorme.

E ademais coa súa primeira obra poética...
Certo. Sempre tiven afección pola poesía mais non escribira nada.

Pódese falar de influenzas nesta obra?
Hai moit@s poetas galeg@s que me gustan, na acta do xurado deste premio falan de influenza rosaliana... e pode ser que haxa esa presenza nos meus textos. Leo desde clásicos a literatura contemporánea galega. Podería falar de Bernardino Graña, Cunqueiro, Avilés de Taramancos a outr@s máis nov@s. Tamén de autor@s noutras linguas como o murciano Jaime García-Máiquez. Para min a poesía ten que ser transparente e non por obriga experimental. Ten que provocar emocións e que fale da persoa hoxe en día.

Adaptei parte ao galego oficial mais escollín aquela voz que eu escoitei naquela zona

Como definiría o seu poemario “Distancias e simetrías”?
Unha obra moi sinxela, sen pretensións. Non experimentei nin coa linguaxe nin cos temas. Estes últimos son moi tradicionais: a soidade, o amor, a incomunicación entre as persoas,.... esa paradoxa na que nun mundo dixital as persoas seguen a sentir soidade. Un sentimento de illas que temos, ás veces, as persoas.

A súa experiencia coa lingua galega ten moito que ver coa relación que ten co territorio asturiano de fala galega...
Si, é unha zona que vexo nun contexto moi semellante ao galego do territorio administrativo. As estatísticas din que o galego retrocede e hai cada vez máis falantes novos de castelán. Eu vexo moito interese pola “fala” e un grande movemento cultural, hai moitas ganas na xente de non perder a súa lingua mais... logo nas enquisas retrocede. Eu estou esperanzada nun futuro positivo. O meu poemario é, en parte, unha homenaxe a toda a xente que fala galego en Asturies. Adaptei parte ao galego oficial mais escollín aquela voz que eu escoitei naquela zona ou polo menos que se asemellase algo.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios