'Son de mulleres', unha xornada en Ribadeo para visibilizar o papel da muller na música

Relatorios, concertos, obradoiros e un audiovisual explicarán o papel da muller na música que se celebrará na Casa do Mar de Ribadeo o día 13 de xullo.
Maria Xosé Silvar “Sés”
photo_camera Maria Xosé Silvar “Sés”

A Casa do Mar de Ribadeo acollerá o vindeiro 13 de xullo a xornada "Son de mulleres". Respostas á invisibilidade da muller na música” que pretende potenciar cambios de actitudes que axuden na procura da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes na arte.

A xornada comezará cun relatorio da compositora e integrante do consello do Instituto de Investigacións Feministas da Universidade Complutense de Madrid, Mercedes Zavala Gironés no que realizará unha aproximación histórica á invisibilización da muller no eido musical. De seguido, Ugia Pedreira, Maria Xosé Silvar “Sés” e a “txistulari” Idoia Kareaga abordarán cal foi e segue sendo o papel das mulleres na recuperación e mantemento da música tradicional tanto en Galiza coma en Euskadi. Para rematar a mañá sumaranse ao coloquio o grupo chairego Irimia Cantareiras e máis as integrantes do grupo local Alesancia (das Anzas) para debatir arredor da situación das mulleres e a música neste tempo.

Pola tarde levarase a cabo un acto de recoñecemento ás “Meniñas de Saudade” e proxectarase o documental da realizadora María Acuña, Saudade e retrato en si bemol no que se achega á histora das Meniñas de Saudade. Para pechar a xornada, ás 21.00 horas no Cine-Teatro, celebrarase un concerto no que actuarán a Banda Municipal de Ribadeo, o grupo Alesancia, Irimia Cantareiras, María Xosé Silvar “Sés” e máis Ugia Pedreira.
Ao tempo que se desenvolve a xornada terán lugar dous talleres gratuítos. O primeiro deles está dirixido a alumnas e alumnos de danza e ballet de entre 8 e 12 anos. O segundo, aberto ao público en xeral, levará ás participantes por un “Percorrido pola música galega”.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios