Ignacio Vidal Portabales, XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor

Entre as novelas finalistas do certame, “Dióxenes en Dolorida” e “Tara”, o Xurado acordou outorgar finalmente o galardón á primeira, presentada co lema “Arieira” nesta XXX edición do premio organizado, desta volta, polo concello de Fene.

Ignacio Vidal Portabales (Compostela, 1958), Doutor en Dereito e profesor titular de Dereito Mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, é o gañador do XXX Premio de Novela Longa Blanco Amor coa obra "Dióxenes en Dolorida". Esta é a súa primeira novela en lingua galega e o xurado salientou "a súa estrutura e estilo áxil e directo, o emprego de diferentes voces narrativas e do humor como elemento condutor e pola recreación dun ambiente a medio camiño entre o real e o paródico". Tamén salienta o Xurado o esforzo de introspección que o autor realiza nas relacións de parella e a propia construción do personaxe protagonista.

O Premio Blanco Amor de Novela Longa celebra este ano o 30º aniversario de promoción e divulgación dun dos xéneros que máis practicaba o escritor ourensán. Co apoio e patrocinio de varios concellos, como outros anos, esta edición a dotación económica do galardón ascende a 12.020 euros. A súa organización ten carácter rotatorio, escolléndose o municipio organizador, mediante sorteo, entre os patrocinadores que non organizaran ningunha edición. Nesta volta, a organización recaiu no Concello de Fene. 

Un total de 55 novelas inéditas, tal e como exixian as bases, presentáronse este ano aos premios na súa XXX edición. O xurado, formado por Manuel Lourenzo González, Daniel Romero -Técnico de Cultura-, Rocío A. Bértoa Puente -concelleira de Cultura-, Xosé María Dobarro Paz e Marga Romero. A pasada sexta, 23 de novembro, realizouse a selección dos finalistas que foron as novelas presentadas baixo o título: Dióxenes en Dolorida e Tara.

A entrega do Premio terá lugar mañá 1 de decembro nunha gala que se celebrará no local da SCRD Agarimo de Sillobre (Fene). O acto contará coa actuación do grupo de jazz Cool Hamnsters.

Máis en Letras e Ideas
Comentarios