Sánchez anuncia a Zelenski o "maior envío de armas" a Ucraína

O presidente do Goberno español afirma que "sempre apoiará" Ucraína no proceso de adhesión á UE e insta a Corte Penal Internacional a "certificar se se produciu un xenocidio".
Pedro Sánchez, Volodimir Zelenski e Mette Frederiksen, esta quinta feira, en Kíiv. (Foto: Goberno de Ucraína)
photo_camera Pedro Sánchez, Volodimir Zelenski e Mette Frederiksen, esta quinta feira, en Kíiv. (Foto: Goberno de Ucraína)

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou esta quinta feira, durante a súa visita a Kíiv, que o Estado enviou xa un barco con 200 toneladas de munición e outro con material militar destinado ao Exército ucraíno.

Así o explicou durante a rolda de prensa conxunta co presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, e a primeira ministra de Dinamarca, Mette Frederiksen, tras manter os tres políticos un encontro na capital deste país.

Sánchez apuntou que España xa enviara once avións con material militar e doutro tipo, pero que é consciente de que as necesidades son "enormes", polo que España vai continuar dando apoio humanitario, político, financeiro e militar.

Tras esta afirmación, anunciou que a nivel militar, España realizou un novo envío de equipamento que xa está camiño de Ucraína. Trátase, dixo, dun navío, o Isabel, que partiu cara a Polonia cargado con 200 toneladas de municións e outros materiais.

Aliás, transporta 30 camións cargados e outros dez máis pequenos, con equipamento militar. Trátase do "maior envío realizado até a data". "É máis do dobre do enviado até o de agora", subliñou Sánchez.

Ao mesmo tempo, o presidente do Goberno español afirmou que o Estado "sempre apoiará Ucraína no camiño cara á adhesión na Unión Europea".

A respecto da guerra, dixo: "Non só estamos a falar de crimes de lesa humanidade, crimes de guerra, senón que terá que ser a Corte Penal Internacional a que certifique se se produciu un xenocidio. Eu na miña primeira intervención abrín a porta a iso".

Comentarios