Os EUA enviarán a Ucraína novos sistemas de lanzamento de foguetes cun alcance de 80 quilómetros

O Kremlin advirte dos "riscos" de "involucrar terceiros países" na guerra, malia que Biden afirma que "non" busca "unha guerra entre a OTAN e Rusia".
Joe Biden, esta segunda feira, na Casa Branca. (Foto: Lenin Nolly / SOPA Images / ZUMA / DPA)
photo_camera Joe Biden, esta segunda feira, na Casa Branca. (Foto: Lenin Nolly / SOPA Images / ZUMA / DPA)

O presidente dos EUA, Joe Biden, vén de anunciar que enviará novos sistemas de lanzamento múltiple de foguetes de medio alcance a Ucraína, a fin de "facer fronte á invasión rusa e bater en obxectivos chave".

Estes dispositivos, segundo afirmaron desde a Casa Branca, permitirán o Exército ucraíno lanzar foguetes a arredor de 80 quilómetros de distancia, isto é, coa opción de alcanzar Rusia, dado que ambos os países comparten boa parte das fronteiras.

"Non buscamos unha guerra entre a OTAN e Rusia", di Biden

Porén, Biden precisou: "Non buscamos unha guerra entre a OTAN e Rusia. Por moito que estea en desacordo co presidente de Rusia, Vladimir Putin, e considere que as súas accións son unha aldraxe, os EUA non tratarán de provocar a súa destitución en Moscova".

Así, salientou que Washington non mobilizará soldados neste conflito "mentres os EUA ou os aliados [da OTAN] non sexan atacados", "nin enviando tropas estadounidenses a loitar en Ucraína nin atacando as forzas rusas".

Rusia advirte dos "riscos" desta "tolemia"

Pola súa parte, o ministro de Exteriores ruso, Sergéi Lavrov, informou dos "riscos" existentes de "involucrar terceiros países" nesta guerra. "Na Unión Europea, especialmente no norte, hai políticos que están dispostos a ir a esta tolemia para satisfacer as súas ambicións, pero os países serios, por suposto, son moi conscientes da inaceptabilidade de tales escenarios", dixo.

Lavrov tamén se referiu ás recentes declaracións do alto representante da UE para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, quen dixo que o ente comunitario debería converterse nunha forza militar.

"Probabelmente, isto é principalmente un xogo de palabras, pero non hai fume sen lume. Realmente hai unha á rusofóbica tan forte na Unión Europea que durante moitos anos, de feito, impuxo a súa posición a todos os demais, especulando sobre o principio de solidariedade e consenso", asegurou.

Comentarios