A Xustiza forza o desaloxo dos campamentos bolsonaristas

O presidente do Brasil, Luiz Inácio Lula da Silva, emitiu esta segunda feira un comunicado conxunto tras reunirse cos líderes das principais institucións do país (a presidenta do Tribunal Supremo e os líderes do Congreso e da Cámara de Deputados) en que recalcan a súa unión para defender a democracia e a Constitución despois do ataque golpista afín ao ex presidente Jair Bolsonaro acontecido no domingo.
Soldados desaloxan un campamento bolsonarista fronte a un cuartel do Exército en Brasilia (Foto: Marcello Casal / Axencia Brazil).
photo_camera Soldados desaloxan un campamento bolsonarista fronte a un cuartel do Exército en Brasilia. (Foto: Marcello Casal / Axencia Brazil)

Miles de simpatizantes de Bolsonaro -que se atopa vivindo nos Estados Unidos de América-, superaron as barreiras policiais e invadiron este domingo a sede do Congreso brasileiro en Brasília.

Algúns dos asistentes tamén se dirixiron ao palacio presidencial, o Palacio de Planalto, e á sede do Tribunal Supremo Federal co obxectivo de derrocar Lula e o seu vicepresidente, Geraldo Alckmin. O mandatario, que se atopaba no Estado de São Paulo, prometeu investigar “quen son quen financian” as protestas que derivaron no asalto aos tres poderes: lexislativo, executivo e xudicial.

Ademais, anunciou a intervención federal de Brasilia para deter a invasión dos ultradereitistas e garantir a seguranza.

Bolsonaro tardou seis horas desde o inicio deste ataque en pronunciarse, a través de Twitter e cunha mensaxe pouco contundente. "As manifestacións pacíficas, na forma da lei, fan parte da democracia. Con todo, as depredacións e invasións de edificios públicos como as acontecidas hoxe -polo domingo-, así como as practicadas pola esquerda en 2013 e 2017, escapan á regra", afirmou Jair Bolsonaro.

Porén, o Partido Liberal (PL), co que concorreu o político ultradereitista ás últimas eleccións, desmarcouse del e condenou "vehementemente" a "depredación" do Congreso, ao tempo que demandou "que a lei sexa cumprida".

"Trátase dun intento de Golpe de Estado"

No contexto do acontecido co asalto ás institucións, José Reinaldo Carvalho, xornalista de Brasil247, en declaracións a Nós Diario, non dubida ao cualificar o acontecido como “un intento de golpe de Estado dunha auténtica gravidade política”. “Está claro que Jair Bolsonaro está detrás disto, así como sectores que non se identifican mais sábese que pertencen ás forzas armadas”, afirma o xornalista.

“Isto aconteceu coa tolerancia da Policía do distrito federal (de Brasilia, capital do Brasil) e o mesmo gobernador do distrito foi tolerante co sucedido e por iso xa foi destituído pola Corte Suprema do Brasil”, explica. Entón, sinala, “trátase dun Golpe de Estado que foi derrubado momentaneamente, mais isto non quere dicir que non volvan insistir nesta táctica”.

“É indubidábel que hai poderes ocultos financiando todo isto, miles de persoas trasladáronse en autobuses alugados desde todas as partes do Brasil para marchar sobre a capital”, di Reinaldo Carvalho. Ademais, sobre o papel das forzas armadas, explica que “foron instaurados campamentos, algúns na propia porta do cuartel xeral do Exército Nacional, e durante semanas estiveron aí coa tolerancia dos propios xenerais, que restaron importancia ao feito”.

“Non é o primeiro incidente que acontece con estes campamentos, o día 12 de decembro, cando se acreditou a Lula da Silva como novo presidente do Brasil, persoas que integran estes grupos saíron a botar bombas sobre as institucións e mesmo asaltaron o cuartel da Policía Federal, onde hai un combate entre bolsonaristas e non bolsonaristas”, relata Reinaldo Carvallho. “Chegaron a cargar con explosivos un camión no aeroporto, que se tivera explotado tería sido unha auténtica traxedia”, denuncia.

“Estes campamentos bolsonaristas levan funcionando desde o 30 de outubro, cando Lula resultou elixido polo pobo brasileiro, e polo tanto estaba claro que algo así ía acontecer”, denuncia. “Os campamentos foron [esta segunda feira] desaloxados -un mínimo 1.200 persoas foron detidas-, tras unha Orde da Corte Suprema para que actuase o Exército”, explica. “Tiveron que facelo, porque se non obedeceran a orde a situación alcanzaría a categoría de golpe militar, e aínda non se quere chegar a esa fase”, sinala. 

"É necesario revisar as policías e o Exército"

Javier Alfaya, político brasileiro de familia galega e responsábel de Cultura do Partido Comunista do Brasil (PCdoB), explica a Nós Diario que “é un comportamento inédito, nunca viramos unha manifestación deste tipo no país, trátase da continuación dunha estratexia que xa estaba montada e anunciada”. “Estas persoas entenden que as forzas armadas deben intervir o país e que Bolsonaro gañou as eleccións, viven un delirio colectivo”, explica o responsábel de Cultura do PCdoB.

“Bolsonaro é o inspirador e a razón deste movemento e debe ser responsabilizado criminalmente por iso”, afirma. Sobre a equiparación realizada polo ex presidente do Brasil entre este episodio e outras manifestacións en 2013 e 2016, Alfaya sinala que aquelas “non foron manifestacións impulsadas pola esquerda”, mais en calquera caso, “non houbo asalto ao edificio do Congreso nin ao da Corte Suprema, e moito menos ao da Presidencia, isto é algo que era impensábel que puidera acontecer”, asevera o político.

"O PL non ten unha gran diferencia co pensamento de Bolsonaro, mais reaccionou con audacia a estes acontecementos, viron que están moi illados e a condena serviulles como táctica para lexitimarse ante o pobo”, opina Alfaya.

“É preciso non ter inxenuidade no exercicio do poder”, acrecenta o representante do PCdoB, sinalando que a raíz do acontecido “é necesario que o Goberno revise o estatuto e o funcionamento das policías, e o mesmo no caso do Exército, que tivo unha forma de actuar moi tibia, algo que ten que acabar, pois Lula é agora o presidente e as súas ordes executivas teñen que ser acatadas”.

Comentarios