VÍDEO | Bolsonaristas rouban unha réplica do orixinal da Constitución brasileira e armas letais

No asalto ao Palácio do Planalto, os seguidores de Bolsonaro arrasaron e destruíron o gabinete da primeira dama, Rosangela 'Janja' Silva, e do ministro Pimenta, non así co de Lula, que conta con seguridade adicional.
Unha das salas arrasadas polos asaltantes bolsonaristas (Foto: @DeputadoFederal).
photo_camera Unha das salas arrasadas polos asaltantes bolsonaristas (Foto: @DeputadoFederal).

O ministro da Secretaria de Comunicação Social do Brasil, Paulo Pimenta, denunciou o roubo de armas de fogo da sala do Gabinete de Seguridade Institucional do Palácio do Planalto durante o asalto protagonizado polos seguidores do ex presidente brasileiro, Jair Bolsonaro.

"Cada un deses maletíns ten armas, armas letais e armas non letais que foron roubadas", denunciou Pimenta nun vídeo publicado nas súas redes sociais no que se poden ver eses maletíns baleiros.

Pimenta contou que tentaron prender fogo a unha destas salas e insistiu no roubo perpetrado polos "criminais" que irromperon na sede do Poder Executivo do Brasil. "Un crime máis cometido polos inimigos da democracia".

Xunto a el pódese ver o titular da Secretaría Nacional do Consumidor, unha oficina dependente do Ministerio da Xustiza, Wadih Damous, quen alertou de que os responsábeis dese roubo "tiñan información do que tiñan que levar" desa sala. "Fixéronse con armas, documentos e munición", dixo.

No asalto ao Palácio do Planalto, os seguidores de Bolsonaro arrasaron e destruíron o gabinete da primeira dama, Rosangela 'Janja' Silva, e do ministro Pimenta, non así co de Lula, que conta con seguridade adicional.

"A sala do presidente Lula ten un cristal máis groso [...] ten barreiras. Quedou illada, coma se fose un acuario. Lograron destruír a oficina de 'Janja'", dixo o ministro Pimenta.

Danos ao patrimonio histórico do Brasil

O ronsel de destrución deixada ao seu paso polos acólitos de Bolsonaro incluíu danos a importantes obras do patrimonio histórico brasileiro, obras de arte como o mural Mulatas de Dei Cavalcanti, ou Araguaia da artista Marianne Peretti.

"Obras de arte, esculturas, obras rachadas, furadas, rotas", lamentou Pimenta, quen asegurou que os asaltantes se cebaron, especialmente, coas instalacións da Secretaría que el dirixe.

Na sede do Tribunal Superior, os danos afectaron á coñecida como Sala dos Bustos, na cal hai esculturas de figuras importantes na historia do Brasil, como o responsábel da creación desta corte, Rui Barbosa; a réplica da edición orixinal da Constitución foi roubada así como un tapete que pertenceu á princesa Isabel, filla do Pedro II, foi danado.

Danos incalculábeis

Os danos ao patrimonio histórico son "incalculábeis e irreparábeis", segundo dixeron fontes do Supremo. A presidenta do Supremo, a xuíza Rosa Weber, denunciou que as instalacións foron "severamente destruídas por criminais, vándalos e antidemócratas".

Comentarios