sábado 04.07.2020
Opositores e chavistas rivalizan polo control das rúas

Venezuela, en pleno golpe de estado patrocinado polos EUA

Caos total no país caribeño, coa oposición ultra e os simpatizantes do Partido Socialista Unido de Maduro a rivalizar pola toma das rúas. O presidente da Asemblea Nacional Juan Guaidó, órgano posto fóra da lei polo movimento bolivariano, autoproclamouse titular lexítimo do poder executivo, un movimento inmediatamente respaldado por Estados Unidos e Canadá.

Guaidó e Maduro
Guaidó e Maduro

A situación ten todo o aspecto de ser un golpe de estado orquestrado por Washington, xusto nos primeiros compases do novo mandato de Maduro, asumido polo líder bolivariano o pasado 10 de xaneiro co boicoteo dos EUA e o chamado Grupo de Lima, e co único apoio relevante de Cuba e México.

Miles de persoas saíron esta cuarta feira en Caracas nunha mobilización axitada pola oligarquía local, aparentemente combinada cos Estados Unidos.

Á frente do movimento, o titular da Asemblea Nacional, Juan Guiadó, de 35 anos, quen se proclamou presidente interino do país, un paso que foi inmediatamente respaldado polos EUA e tamén por Canadá.

Maduro gañou as eleccións de maio de 2018 co 67 por cento dos votos populares, mais a oposición nacional e estranxeira -basicamente a nucleada polos EUA- non recoñeceron os resultados que, porén, si foron validados por observadores internacionais como o ex presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero.

O precedente deste golpe é o que durante unhas horas depuxo do poder en 2002 a Hugo Chávez, un atentado da oligarquía venezuelana contra o goberno lexítimo do país que contou co respaldo de Washington e do estado español, daquela dirixido politicamente polo PP de Aznar.

 

Noticia en ampliación.

comentarios