Italia

A ultradereita gaña as eleccións italianas por vez primeira con Giorgia Meloni á fronte

As forzas de dereita e neofascistas cumpren os prognósticos e obteñen unha cómoda vitoria que permitirá a Meloni gobernar en Italia co apoio de Berlusconi e Salvini.
A líder da formación ultra Fratelli d'Italia, Giorgia Meloni, após coñecer este domingo a súa vitoria electoral. (Foto: Oliver Weiken / DPA)
photo_camera A líder da formación ultra Fratelli d'Italia, Giorgia Meloni, após coñecer este domingo a súa vitoria electoral. (Foto: Oliver Weiken / DPA)

Cando o pasado mes de xullo as formacións de dereitas que integraban o Goberno 'multicolor' de Mario Draghi deixaron caer o daquela primeiro ministro para forzar as eleccións, as sondaxes apuntaban a unha clara vitoria conservadora coa líder ultra Giorgia Meloni á cabeza. E, finalmente, así foi.

A cita electoral deste domingo estivo marcada pola desmobilización da esquerda, descontenta co rumbo que tomou a política italiana nos últimos meses e que levou a constituír tres gobernos diferentes en catro anos, o último liderado por Draghi da man de diferentes partidos desde a esquerda á ultradereita. A participación caeu ao mínimo histórico, 63,9%, o que representa nove puntos menos que en 2018.

O Ministerio do Interior informou ás 8 horas desta segunda feira, con 95,7% do escrutinio, da vitoria da coalición de 'centrodereita' con 11,8 millóns de votos (43,9%). Fratelli d'Italia, a formación de Giorgia Meloni, fica no primeiro posto após multiplicar por catro os sufraxios obtidos catro anos atrás e alcanzar os 6,9 millóns (26,2%).

Fratelli é o herdeiro ideolóxico do fascista Movimento Sociale Italiano (MSI). E Meloni, que prometeu gobernar baixo o lema 'Deus, patria e familia', declarouse no pasado admiradora do ditador Benito Mussolini: "Creo que foi un bo político. Todo o que fixo foi por Italia". A líder da formación extremista, aliás, iniciou a súa carreira política militando na organización xuvenil do MSI.

A Lega Nord de Matteo Salvini, con 8,9% dos votos, queda finalmente en segunda posición dentro da coalición, seguida de Forza Italia (8,1%), con Silvio Berlusconi aínda na primeira liña aos seus case 86 anos de idade. Completan a 'papeleta' os centristas de Maurizio Lupi dentro de Noi Moderati (0,9%).

Matteo Salvini, Silvio Berlusconi e Giorgia Meloni, nun acto de campaña. (Foto: Oliver Weiken / DPA)
Matteo Salvini, Silvio Berlusconi e Giorgia Meloni, nun acto de campaña. (Foto: Oliver Weiken / DPA)

A coalición de centroesquerda, encabezada polo Partito Democratico de Enrico Letta —presidente do Consello de Ministros entre 2013 e 2014—, non pasa de 26,4% dos sufraxios. O PD fica á fronte con 19,2%, seguida da Alianza Verde e Esquerda de Angelo Bonelli (3,7%), Máis Europa (2,9%), con Emma Bonino, e por último Compromiso Cívico (0,6%), a formación liderada polo ex ministro Luigi di Maio após a súa saída do Movimento 5 Stelle.

Tras as dúas grandes coalicións electorais fica, precisamente, o M5S, con 15,1% dos votos concorrendo en solitario da man do ex primeiro ministro Giuseppe Conte. Os partidarios de Draghi, Azione-Italia Viva —da man de Matteo Renzi e Carlo Calenda— quedan con 7,8%. E por baixo do limiar de 2% sitúanse outras formacións de esquerdas, antieuropeístas e rexionalistas.

Segundo as primeiras estimacións, as forzas de ultradereita e dereita quedarían con entre 227 e 257 dos 400 escanos que conforman a Cámara de Deputados, seguidas da coalición de centroesquerda (78-98), o M5S (36-56), os centristas de Terceiro Polo, con Renzi e Calenda (15-25), e os asentos restantes repartidos entre partidos minoritarios.

Comentarios