Crise en Italia: o país camiña cara a un futuro incerto coa ultradereita e Draghi no horizonte

O presidente Mattarella rexeita a dimisión dun Draghi que ve rematada a andaina deste Goberno. Formar un novo Executivo de concentración, liderado novamente polo ex presidente do Banco Central Europeo, ou adiantar unhas eleccións nas que podería arrasar a ultradereita son as opcións que agora se presentan en Roma.
O M5S abandonou o primeiro ministro Draghi nunha votación crucial no Senado. (Foto: Ricardo Antimiani / Zuma Press)
photo_camera O M5S abandonou o primeiro ministro, Mario Draghi, nunha votación crucial no Senado. (Foto: Ricardo Antimiani / Zuma Press)

A incerteza paira sobre o Pazo do Quirinale. Na tarde desta quinta feira o presidente de Italia, Sergio Mattarella, rexeitou a dimisión que horas antes presentara o primeiro ministro, Mario Draghi, após romperse o "pacto de confianza" que mantiña cohesionado o Goberno de concentración.

O anuncio da renuncia oficial semellaba inminente após comunicarllo ao seu Consello de Ministros, mais finalmente Mattarella, con quen tamén se reunira o líder do Executivo ao longo do día, decidiu non aceptala e convidar Draghi a presentarse de novo no Parlamento para "facer un balance da situación" e posteriormente determinar o futuro do Executivo italiano.

Todo isto aconteceu nunha xornada marcada pola ausencia dunha das principais forzas do Goberno, o Movemento 5 Stelle (M5S), na votación dunha cuestión de confianza no Senado que buscaba tramitar pola vía rápida un paquete de medidas contra a inflación. "A maioría da unidade nacional que sostivo este Goberno desde a súa creación xa non existe", comunicou Draghi aos seus ministros e ministras, a respecto da ausencia do M5S, que cualificou de "moi significativa desde o punto de vista político".

O aínda primeiro ministro agradeceu tamén, nesas horas previas á presentación da súa renuncia —rexeitada— ao presidente Mattarella, o "traballo" e os "moitos resultados obtidos" durante o último ano e medio. "Debemos estar orgullos do que logramos, nun momento moi difícil, en interese de todos os italianos".

Italia, 66 gobernos en 75 anos

Mais a política italiana non é sinxela e está chea de xiros de guión. No Goberno hai representación da meirande parte de forzas políticas da Cámara desde comezos de 2021, cando, debido á inestabilidade política, a crise da Covid-19 e a recesión económica, nun país acostumado á incerteza e os cambios constantes —66 gobernos diferentes en 75 anos—, Sergio Mattarella pediu formar goberno a unha figura aclamada a esquerda e dereita, o economista e ex presidente do Banco Central Europeo, Mario Draghi.

O primeiro ministro optou por unha fórmula de concentración para garantir os apoios parlamentarios e sacar adiante medidas importantes para o país nun momento extremadamente delicado. Así, no seu gabinete hai membros da formación de ultradereita Lega, os conservadores de Forza Italia, os socialdemócratas Partido Democrático, Articolo 1 e Italia Viva ou o populista M5S.

E, dentro desas curiosas voltas e reviravoltas que dá a política italiana, o ministro responsábel dun cargo de especial relevancia como Exteriores, Luigi di Maio, fundou en xaneiro deste ano o partido centrista Insieme per il futuro (Xuntos polo futuro) logo de abandonar o M5S, formación á que pertencera durante trece anos.

O ministro Di Maio, ex dirixente do M5S, fundou o seu propio partido após comezar liderar a súa antiga formación o ex primeiro ministro Conte, que chegara como independente a Roma

Di Maio abandonou o Movimento cando comezou o liderado de Giuseppe Conte, que fora elixido primeiro ministro en 2018 doutro Executivo de peculiar conformación —M5S e Lega— e chegara como independente... Até que o seu Goberno caeu e, só uns días despois, ingresou nas filas desta formación e logrou facerse co poder.

"Creo que a crise está planeada desde hai tempo. Chámoo o partido de Conte, e non o Movimento, porque ese xa non é o Movimento", lamentou esta quinta feira Di Maio, a respecto da ausencia desta formación no Senado. O ministro de Exteriores pediu "madurez política" e apoio para o líder do Executivo.

Draghi, ultradereita ou caos

Agora ábrense dous escenarios posíbeis en Roma: adiantar as eleccións, previstas para a primavera de 2023, ou formar un novo Goberno liderado novamente por Draghi e semellante ao actual, mais coa previsíbel ausencia do M5S.

No caso de acudir ás urnas, as sondaxes prevén unha folgada vitoria das formacións ultradereitistas Lega, encabezada polo ex ministro Matteo Salvini, e Fratelli d'Italia, de Giorgia Meloni, simpatizante e colaboradora de Santiago Abascal e Vox no Estado español.

Comentarios