A ultradereita arxentina intenta recuperar a prohibición do aborto

A despenalización supuxo unha redución da mortalidade materna.
O presidente arxentino, Javier Milei. (Foto: telam / dpa)
photo_camera O presidente arxentino, Javier Milei. (Foto: telam / dpa)

Na madrugada de hoxe transcendeu que A Liberdade Avanza, a formación do presidente de extrema dereita arxentino Javier Milei, rexistrou na Cámara de Deputados unha proposta para derrogar a norma que despenalizou en 2021 o aborto no país.

A aprobación da lei suporía penas de prisión dun a catro anos a calquera persoa que participe nunha interrupción voluntaria do embarazo, e acabaría coas condenas de até un ano e o dobre de inhabilitación ao persoal médico que dilate, obstaculice ou se negue a practicar un aborto nas primeiras 14 semanas de xestación.

Con todo, a proposta da ultradereita vai máis aló e tamén aspira a acabar cos abortos a raíz de embarazos causados por unha violación, vixentes desde 1921 na Arxentina, reducíndoos só aos casos de “perigo inminente” para a vida da muller xestante.

O texto fíxose público pouco despois de que Milei retirara a ‘Lei ómnibus’, coa que, entre outros, pretendía asumir competencias do lexislativo, do debate na Cámara Baixa ao non acadar apoios dabondo para aprobala.

Planifícanse protestas

A entidade Nin Unha Menos, unha das que impulsou a despenalización do aborto no país, xa convocou unha asemblea a vindeira semana “de cara a organizar un paro feminista este 8 de marzo masivo, transversal e en unidade”.

Malia que o mandatario prometeu recuperar a prohibición do aborto durante a campaña electoral, tras as críticas á proposición o voceiro presidencial, Manuel Adorni, sostivo que a norma “non é parte da axenda” de Milei e non se orixinou no Executivo.

Os datos públicos sinalan que a entrada en vigor da despenalización supuxo unha diminución nas cifras de mortalidade materna.

Comentarios