Mulleres demandan o Estado de Texas por prohibirlles o aborto por razóns médicas: "Puiden morrer"

O obxectivo é aclarar en que casos pode falarse de risco para a nai, cuestión que recolle a lei texana mais que é de dubidosa aplicación, xa que moitos médicos están a negarse a practicar a interrupción voluntaria do embarazo.
Manifestación a prol do dereito ao aborto en San Francisco, o pasado marzo. (Foto: Pat Mazzera / Zuma Press)
photo_camera Manifestación a prol do dereito ao aborto en San Francisco, o pasado marzo. (Foto: Pat Mazzera / Zuma Press)

O pasado 24 de xuño, horas despois de que a Corte Suprema dos Estados Unidos decretase a derrogación da doutrina 'Roe vs Wade', o precedente que tornou en constitucional a interrupción voluntaria do embarazo, o Estado de Texas activou a lei que xa tiña preparada, como aconteceu noutros territorios como Missouri, para declarar ilegal o aborto. Dous meses despois, en agosto, un xuíz texano ditaminou que a emerxencia médica non constitúe unha razón "prioritaria" sobre o veto estatal.

Esa proposta, defendida pola Casa Branca, "non explicaba" como o persoal médico podería "avaliar o risco para o feto", polo que "non pode entrar en conflito coas leis estatais", segundo xustificou este xuíz. Desde Washington considerárono "un paso atrás" dado que "embarazadas con hemorraxias severas ou hipertensión que puideran poñelas en perigo verán denegada a atención médica e poderían morrer". Esa disputa dialéctica mantén na corda frouxa a exención á norma cando a vida da xestante corra perigo, a priori recoñecida legalmente mais de dubidosa aplicación.

Agora o Centro de Dereitos Reprodutivos vén de presentar unha demanda contra este Estado no nome de cinco mulleres ás que, precisamente, se lles negou a interrupción voluntaria do embarazo malia sufriren no momento de solicitala unha emerxencia médica. O obxectivo é aclarar en que casos pode falarse de risco para a nai e se, como sospeita a organización de dereitos humanos, os médicos de Texas están a negar abortos mesmo amparados pola lei.

"O feito de que 'Roe vs Wade' xa non sexa a lei do país non significa que as mulleres e as persoas embarazadas carezan de dereitos humanos básicos e constitucionais. Estamos a falar de persoas que se atopan en emerxencias médicas, que precisan atención médica urxente e cuxos médicos están demasiado asustados para brindar esa atención debido ás leis do Estado e a que Texas non proporcionou ningunha aclaración sobre o que significa a súa lei", defende a avogada Molly Duane, en declaracións recollidas pola radio pública NPR.

Trátase do primeiro caso deste tipo desde a derrogación de 'Roe vs Wade' e, desde entón, doce Estados prohibiron a interrupción voluntaria do embarazo. Desta querela participan tamén dúas doutoras. "Case morro por mor das leis antiaborto de Texas. E máis aló, puxeron en perigo as vidas dos meus potenciais fillos no futuro, porque o dano feito ao meu corpo xa tivo un impacto negativo na miña saúde reprodutiva", afirma unha das demandantes, Amanda Zurawski.

Ela, na semana 18 de xestación, experimentou un desprendemento de membranas que garantía a perda do feto. Malia todo, o hospital de Austin rexeitou practicarlle un aborto "porque aínda se detectaba a actividade cardíaca no feto". Pasados tres días sufriu unha sepse derivada dunha infección e finalmente foi atendida.

Desde a oficina do fiscal xeral texano, Ken Paxton, responderon a esta demanda afirmando que o fiscal "está comprometido a facer todo o que estea ao seu alcance para protexer as nais, as familias e os nenos por naceren, e continuará defendendo e facendo cumprir as leis debidamente promulgadas polo Estado de Texas", informa a CNN.

Comentarios