venres 03/12/21

Ultiman a preparación da Diada de Catalunya de 2021

A un mes da primeira Diada de Catalunya coas presas e presos políticos na rúa despois do indulto do Goberno do Estado, o independentismo catalán busca volver ás multitudinarias mobilizacións prepandemia. A ANC e a esquerda independentista impulsan as manifestacións de 2021.
Tramo da manifestación da Diada de Catalunya en 2018. (Foto: Europa Press)
Tramo da manifestación da Diada de Catalunya en 2018. (Foto: Europa Press)

Falta un mes para a Diada de Catalunya, o 11 de setembro é unha data marcada no calendario do independentismo catalán, con máis énfase se cadra desde que a multitudinaria manifestación de 2012 deu comezo ao procés.

Nove anos despois do nacemento dun proceso que deparou un referendo de autodeterminación, unha declaración de independencia e a entrada en prisión de parte do Goberno de Catalunya encabezado por Oriol Junqueras e o exilio da outra parte, entre os que se atopa o ex presidente Carles Puigdemont, o independentismo afronta a primeira Diada despois dos indultos do Executivo estatal e a chegada de Esquerra Republicana de Catalunya á presidencia da Generalitat, 41 anos despois de Josep Tarradellas.

A Assemblea Nacional Catalana (ANC), a organización apartidista que impulsou as multitudinarias mobilizacións destes anos, volve este ano a unha manifestación única en Barcelona, despois da programación de 2020, con actos descentralizados por toda Catalunya por mor da pandemia de Covid-19.

A mobilización comezará na rúa Pau Claris, preto da praza Urquinaona, desde alí baixará pola Via Laietana, onde avanzará á beira da Comisaría da Policía Nacional, centro de tortura durante o franquismo que reiteradamente o Govern e o independentismo solicitan trasladar, lugar no que desde a ANC non descartan desenvolver unha acción simbólica.

A manifestación xirará pola rúa Marquès de l'Argentera para rematar no parque da Ciudatela, ás portas do Parlament de Catalunya, situado no recinto. Porén, desde os medios cataláns advirten que a alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, nega o permiso para acceder á Ciutadela.

Segunda fase

Para incidir nas ideas forza do acontecemento, “recuperar as rúas, reivindicar o mandato do 1-O e a vía dos feitos”, a ANC prepara unha segunda fase da Diada, que decorrerá entre o 1 e o 3 de outubro, catro anos despois do referendo de autodeterminación.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A esquerda independentista convoca catro marchas para o 11-S

Alerta Solidària, Arran, COS, CUP, Endavant e SEPC fixeron pública esta terza feira a organización dos actos do vindeiro 11 de setembro, no que convocan catro marchas en diferentes puntos de Catalunya. A praza de Urquinaona de Barcelona, o Mercat Central de Reus, a praza da Peria de Lleida e a praza del Vi en Girona, serán as sedes do evento baixo o lema "a loita é o único camiño, nin pactos nin renuncias".

Na presentación, sostiveron que o Estado español non ten intención de respectar o dereito á autodeterminación ou os dereitos sociais. Tamén sinalan que a mesa de diálogo programada na semana seguinte á Diada é un xeito de pacificar o conflito co Estado, polo que denuncian a ofensiva recentralizadora e o "encaixe autonomista".

Ultiman a preparación da Diada de Catalunya de 2021
comentarios