Diada 2013: 1.600.000 persoas pola independencia de Catalunya

O conselleiro de Interior da Generalitat, Ramon Espadaler, afirma que "un mínimo de 1.600.000 persoas" tomaron parte na Vía Catalá e nos diversos actos organizados arredor da Diada. A cadea humana de 400km que uniu de norte a sur Catalunya para demandaren o dereito a decidir do pobo catalán e a convocatoria dun referendo de autodeterminación en 2014 foi o acto máis multitudinario.

[Imaxe: Riobó Prada]
photo_camera [Imaxe: Riobó Prada]

Unha maré humana percorreu desde primeiras horas da mañá Catalunya coincidindo coa Diada. Esteladas e berros de independencia claman polo dereito de autodeterminación para o pobo catalán. Este 11 de setembro perto de medio millón de persoas formaron unha multitudinaria cadea humana a prol da independencia. 

Convocada pola Vía Catalá, desde as 16.00 horas as participantes comezaron a formar a ringleira de 400 km que percorrerá de norte a sur Catalunya e que procura simbolizar a vontade cidadá a prol dun Estado propio.

"Non queremos nin podemos agardar máis", dixo Carme Forcadell, presidenta da ANC

A persoa que fechou a cadea, na Praza de Catalunya, é Carme Forcadell, presidenta da Assemblea Nacional de Catalunya. "Non queremos nin podemos agardar máis", dixo ao termo do acto. E enfatizou: "Aquí e agora, a ANC reitera o seu compromiso de traballar sen desmaio até Catalunya ser un novo Estado en Europa",dixo.

"Queremos que o ano de 2014, o tricentenario da nosa derrota, se torne no primeiro ano da nosa liberdade", dixo.
 

Máis en Països Catalans
Comentarios