O independentismo chama a borrar o rastro da Monarquía

Barcelona rexeita a presenza de Filipe VI

Milleiros de independentistas mobilizáronse ante a presenza da familia real española en Barcelona. Acusaron o monarca de posicionarse a prol da represión polas súas declaracións públicas após as cargas policiais durante o referendo de 1 de outubro e denunciaron a súa presenza por irromper en plena campaña electoral. 

Protestos en Catalunya contra o rei
photo_camera Protestos en Catalunya contra o rei [Imaxe: @Esquerra_erc]

Cando queda menos dunha semana para que as urnas se abran e diten o resultado das novas eleccións xerais, Filipe VI visitou Catalunya con motivo da entrega de premios organizada pola Fundació Princesa de Girona. Xa durante a mañá da segunda feira 4 de novembro o Borbón deixouse ver publicamente nun encontro coa Comisión Delegada do Padroado da Fundación, en compaña da raíña Letizia e das súas fillas Leonor e Sofía.

As formacións políticas e movementos sociais soberanistas rexeitaron a participación de Filipe VI no que consideraron un acto electoral, xa que a súa visita se produciu en plena campaña dos comicios xerais do vindeiro 10 de novembro.

O Palacio de Congresos da capital catalá foi o espazo escollido pola organización do evento para a entrega de premios Princesa de Girona así como polo movemento soberanista para amosar a súa oposición á monarquía española, aínda que o cordón policial impediu achegarse ás proximidades do edificio.

Moitas das persoas convidadas a este evento de gala tiveron que abrirse paso entre milleiros de manifestantes

Con todo, moitas das persoas convidadas a este evento de gala tiveron que abrirse paso entre milleiros de manifestantes que berraban consignas de «Fóra os Borbóns», «Catalunya antifascista» e «1 de outubro, nin esquecemento nin perdón». Os protestos responderon á convocatoria de Pícnic per la República, ANC e CDR.

O Govern sumouse ao boicot ao evento

Así mesmo o Goberno da Generalitat amosou o seu rexeitamento ao monarca realizando un boicot ao evento ao que tamén se sumou a alcaldesa de Barcelona.

Desta maneira, alén de políticas como a vicepresidenta Carmen Calvo, as principais autoridades catalás presentes no acto foron o ex president José Montilla, a presidenta da Deputación de Barcelona, Núria Marín, e o tenente de alcalde da capital, Jaume Callboni, todos eles do PSC.

Òmnium presiona Colau

As entidades sociais Òmnium Cultural e a ANC rexeitaron a presenza do Borbón e pediron á alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, que non cedese espazos de titularidade pública municipal para o desenvolvemento de actos coa monarquía nin para o seu aloxamento.

O presidente de Òmnium, Marcel Mauri, instou o concello de Barcelona a abrir un debate para que o monarca español «deixe de ter privilexios»

Nese sentido, o presidente de Òmnium, Marcel Mauri, instou o concello de Barcelona a abrir un debate para que o monarca español «deixe de ter privilexios», afirmou durante unha comparecencia pública. O presidente da entidade cultural denunciou tamén «a militarización» de Barcelona debido á visita do monarca, a quen acusou de neglixencia polo seu discurso do día 3 de outubro de 2017 a raíz do referendo e as cargas policiais.

Na súa intervención pública na segunda feira, Mauri instou o concello da capital catalá a continuar a liña de borrar o rastro da monarquía na cidade, en referencia á retirada do busto de Juan Carlos I de Borbón do salón de plenos da sede do concello e da reprobación da monarquía realizada polo pleno municipal após o referendo de 1 de outubro.

Foto reiO PSC pide respecto e ERC, JxCat e CUP partillan mobilización

A pesar da campaña electoral e das rivalidades entre as formación independentistas de cara aos comicios do 10-N, tanto Esquerra como Junts e a CUP acudiron á mobilización de repulsa á visita do rei a Barcelona.

A presenza do Borbón en Catalunya foi acusada de «acto electoral» polas formacións soberanistas e tamén desde as filas dos Comúns. O candidato de ERC Gabriel Rufián ironizou fomulando en que a única dúbida está en se é un acto do PP, Cs, Vox, «ou dos tres á vez». O portavoz do grupo republicano no Congreso convidou Felipe VI a apresentarse aos comicios xerais. «Se está tan preparado, quizais gañe», ironizou Rufián.

A presenza do Borbón en Catalunya foi acusada de «acto electoral» polas formacións soberanistas e tamén desde as filas dos Comúns

JxCat acusou o rei de estar facendo campaña a prol do 155 e “dos partidos monárquicos”. Así o denunciou a candidata independentista Miriam Nogueras. Nunha entrevista en TVE esta segunda feira 4 de novembro Nogueras aseverou que o rei non é benvido a Catalunya porque «máis do 80% da poboación non é partidaria de manter a monarquía». A deputada denunciou o segredo co que se desenvolveu a súa visita.

Desde a CUP instaron o concello de Barcelona a declarar Felipe VI persoa non grata na cidade. Esta iniciativa xa a tentaron levar adiante en 2016 e 2017 sen éxito, ao grupo da alcaldesa Ada Colau considerala non oportuna ante as amezas do 155.

Comentarios