Por volta de 400.000 persoas inscritas, 1.800 autocarros xa confirmados e 900.000 euros recadados para facer fronte solidariamente, a xeito de caixa de resistencia, ás sancións económicas impostas aos responsábeis encausados pola realización do referendo anterior, o de 9 de novembro de 2014. Eses son, grosso modo, os grandes números que manexan as entidades convocantes da baptizada como Diada del Si, a Assemblea Nacional de Catalunya e Òmnium Cultural.
A manifestación desta Diada del Si comezará a partir das 17:14 (non por caso, en 1714 Catalunya perdeu as súas liberdades nacionais ao ser derrotada na chamada Guerra de Sucesión) e a súa organización -ao ser unha concentración de centos de miles de persoas- implica un elevado grao de complexidade. Daí que se optase por abrir un censo de inscrición e por asignar a cada persoa ou grupo inscrito unha zona de ubicación concreta no espazo urbano -basicamente o Passeig de Grácia e o Carrer d'Aragó- en que irá decorrer a marcha.
O percurso da manifestación está dividido en 49 tramos. Neste momento, segundo os últimos dados da organización, está garantida a ocupación de practicamente todos e é previsíbel que haxa un ultrapasamento das expectativos coas inscricións de última hora.
Os responsábeis quer de ANC quer de Òmnium non dubidan que esta Diada del Si -o lema é un claro chamado a votar pola independencia no referendo- será a "máis masiva de todas".
Na manifestación haberá representación da política galega: teñen confirmado a súa presenza Ana Pontón, Rubén Cela e Ana Miranda polo BNG e Luís Villares, Ana Seija e Antón Sánchez por En Marea