Ucraína penaliza por lei a distribución e recepción de axuda humanitaria procedente de Rusia

As autoridades ucraínas informan da denuncia de arredor de 160 casos de "colaboracionismo" cada mes.
Distribución de axuda humanitaria. (Foto: TASS)
photo_camera Distribución de axuda humanitaria. (Foto: TASS)

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, aprobou nesta terza feira unha nova lei que penaliza o "colaboracionismo" con Rusia, o seu Exército e as "formacións paramilitares asociadas" nos territorios baixo control das Forzas Armadas rusas.

Así, a partir de agora o "colaboracionismo" será sancionado con penas de até 15 anos de cadea. Segundo afirmou na terza a portavoz do Ministerio do Interior de Ucraína, Ayona Matveeva, en declaracións recollidas pola axencia Ukrinform, as autoridades informan de arredor de 160 casos de colaboración con Rusia cada mes, cuns 1.200 procesos penais abertos até o momento.

Segundo precisou, boa parte deles, 549, iniciáronse por mor da "negación pública da agresión armada por parte da Federación Rusa, chamamentos públicos a apoiar as decisións e accións rusas e para cooperar con elas e non recoñecer a soberanía de Ucraína sobre os territorios temporalmente ocupados".

Aliás, segundo recolleu o xornal The Kyiv Independent, a nova lei tamén multará a "recepción e distribución de axuda humanitaria rusa en territorios ocupados".

Ilegalización de formacións políticas

A lei tamén autoriza a prohibición de partidos políticos cuxos líderes fosen condenados por colaboracionismo, unha cuestión que se aplica a calquera tipo de entidade do país, alén do eido político.

Este texto, segundo precisou o vicepresidente do Parlamento, Alexander Kornienko, podería ser utilizada contra até 20 parlamentarios que fuxiron do país desde o inicio da invasión rusa.

"Son distintas figuras. Uns 20 deputados non están en Uncraína, digamos que son deputados que manifestaron previamente posturas antipatrióticas", precisou o parlamentario.

Comentarios