Rexeitada a investidura na primeira volta

Turull elude falar de República e de DUI, mais lanza un apelo ao diálogo co Estado e coa CUP

A sorte estaba botada desde que a CUP anunciou a súa abstención. Non houbo marxe para a surpresa e Jordi Turull fracasou no seu primeiro asalto á investidura. Enfrentaba a sesión sabendo que en primeira instancia tiña a batalla perdida, sabendo que esta sexta feira comparecería perante o xuíz Llarena sen ser o president da Generalitat. O seu discurso foi na liña da restauración do autogoberno catalán, un mundo post-155. Non houbo nen rastro de referencias nen á República nen á ruptura independentista. Si fixo ofertas de diálogo. Co Estado e coa CUP.

turull
photo_camera Turull, durante o debate

"Temos de ser capaces de chegar a un acordo porque a xente demanda unidade", dixo Turull desde a tribuna aos 4 escanos cupaires. A abstención da formación anticapitalista -referendada esta quinta feira nun consello nacional extraordinario- inviabilizou a investidura, que só podía prosperar en primeira volta coa maioría absoluta dos votos.

E agora? Turull podería ser investido president en segunda votación nun par de días (sábado) sempre que obtiver máis votos a favor do que en contra. Salvo mudanza pouco probábel da CUP, o bloco soberanista JxCat-ERC só podería consumar o seu obxectivo se renunciasen aos seus escanos Carles Puigdemont e Toni Comín, exiliados en Bruxelas. Non parece probábel que o vaian facer. Puigdemont, segundo xente da súa contorna, aínda non renuncia a que, nunha última reviravolta dos acontecimentos, puidese acabar el a lexislatura como president, perspectiva que neste momento cabería cualificar como política ficción.

Turull ten, aliás, un problema a maiores. Está chamado a comparecer esta sexta feira perante o xuíz Llarena. O maxistrado até podería tomar a decisión de o enviar á prisión, após acordar o seu procesamento. Turull xa estivo na cadea de forma preventiva, sob os cargos de rebelión, sedición e malversación de fondos. Foi posto en liberdade previo pagamento dunha fianza de 100.000 euros.

Turull ten, aliás, un problema a maiores. Está chamado a comparecer esta sexta feira perante o xuíz Llarena. O maxistrado até podería tomar a decisión de o enviar á prisión

No discurso desta quinta feira, Turull debuxou con clareza un programa de recuperación do auto-goberno, de restitución das competencias invadidas polo Goberno do Estado cando activou o 155, o mesmo día, 27 de outubro de 2017 en que o Parlament aprobou unha declaración de independencia con ar de pronunciamento retórico. O candidato demandou o control dos aeroportos e os portos e a plena autonomía fiscal. Non se situou, por tanto, na lóxica da construción dunha República catalá independente, xusto o que lle apuxo a CUP, o argumento empregado pola formación anticapitalista para lle negar os votos precisos para a súa investidura.

Turull debuxou con clareza un programa de recuperación do auto-goberno, de restitución das competencias invadidas polo Goberno do Estado cando activou o 155

Con todo, o núcleo duro da súa intervención foi un apelo ao diálogo, dirixido por unha banda ao Estado e, por outra, á CUP, consciente o candidato de que o procés embarrancaría se se consumar o cisma entre o bloco ERC+JxCat e a formación anticapitalista. 

A mensaxe á CUP é que a sociedade pide unidade e que no programa que oferecía como candidato non hai "renuncias". A respeito do estado, Turull perguntouse "por que no vai ser posíbel o diálogo". "Ou non negociou o president Macià? Ou non negociou o president Tarradellas con Suárez? Por que non vai ser posíbel o diálogo. A voz e os representantes de máis de dous millóns de cataláns non merecen nin ser escoitados?", dixo.

Non houbo sorpresas na votación. A candidatura de Turull foi rexeitada ao obter apenas 64 votos afirmativos (JxCat e ERC) por 65 negativos (Cs, PSC, Catalunya en Comú e PP). A CUP completou o taboleiro de marcas coas súas 4 abstencións, a chave do xogo.

Comentarios