Trump outórgalle máis credibilidade a Putin do que aos seus servizos de intelixencia

O presidente dos EUA non ve "ningunha razón" que puidese levar a Rusia a interferir nas eleccións presidenciais norteamericanas de 2016. Trump continúa o seu confronto co FBI e co fiscal especial Robert Mueller, que acaba de imputar 12 cidadáns rusos baixo o cargo de teren conspirado -vía hackeo informático- para prexudicar as opcións da candidata demócrata Hillary Clinton.

PUTIN
photo_camera Un momento da cimeira

A investigación de Robert Mueller —que toma como base as pesquisas das axencias de intelixencia norteamericana— é un "completo desastre" para os EUA, afirmou Trump durante a súa comparecencia conxunta con Putin en Helsinki, momento estelar da cimeira ruso-norteamericana.

O presidente norteamericano chegou a afirmar que non ve "ningunha razón" que levase a Rusia —tal e como pensa o fiscal Mueller— a hackear os servidores do Partido Demócrata. Trump concedeulle total credibilidade ao testemuño de Putin, que negou toda interferencia nas presidenciais norteamericanas.

Putin, no entanto, si que manifestou por vez primeira en público que en 2016 desexaba a vitoria de Trump sobre Clinton, co argumento de que o candidato republicano pulaba por estabelecer un novo marco de relacións entre Washington e Moscova.

As declaracións de Trump foron rapidamente contestadas por dirixentes demócratas e até republicanos — como o presidente do Congreso, Paul Ryan— e desencadearon un comunicado do director da Intelixencia Nacional, Dan Coats, visando enfatizar que os servizos de intelixencia concluíron non só a existencia de inxerencia rusa en 2016, senón a persistencia de "esforzos" permanentes por parte de Moscova coa intención de "erosionar a nosa democracia".

Un discurso este de Coats nas antípodas do despregado pola dupla Trump-Putin, cos líderes a se empregaren a fondo para destilar a tese de que os confrontos típicos da guerra fría pertencen ao pasado.

Comentarios