EUA matou 132 civís durante 2019 en catro países en conflito

Segundo un informe do Pentágono, as mortes producíronse no Afaganistán, en Siria, no Iraq e en Somalia, mais Amnistía Internacional di que as cifras "non son reais".
afganistan_desprazados
photo_camera A maioría das mortes producíronse no Afganistán, onde os Estados Unidos están inmersos na súa guerra máis longa (NRC / Enayatullah Azad)

O Exército estadounidense matou 132 civís e feriu outros 91 durante as súas operacións de 2019 no Iraq, Siria, o Afganistán e Somalia, segundo un informe publicado polo Pentágono. A maioría, 108, producíronse no país afgán, onde os Estados Unidos están inmersos na súa guerra máis longa. En febreiro, a Casa Branca asinou cos talibáns un acordo de paz que prevé a retirada gradual das tropas.

A respecto das accións no Iraq e en Siria no marco da operación contra o grupo Estado Islámico (ISIS), o Pentágono considera que 22 civís morreron e outros 13 resultaron feridos polas súas accións. Das vítimas mortais, 21 producíronse en territorio sirio.

Polo que se refire a Somalia, o Departamento de Defensa informa de 63 bombardeos aéreos contra Al Shabaab, o grupo vinculado a Al Qaeda, e contra o ISIS. Como resultado, recoñece que dous civís morreron e outros tres resultaron feridos nun bombardeo en febreiro de 2019.

As operacións contra Al Qaeda e ISIS no Iemen non produciron ningunha vítima civil, segundo o Pentágono, que tampouco recoñece ningunha en Libia nas accións contra o Estado Islámico, di o  informe.

"Non son cifras reais"

Con todo, Amnistía Internacional considera que o Pentágono non está a ofrecer as cifras reais de baixas civís, aínda que fixo "algúns progresos en términos de transparencia".

Daphne Eviatar, directora de Seguridade desta ONG di que os EUA "continúan sen recoñecer centos de vítimas civís" en lugares como Raqqa, en Siria, ou en Somalia, tal e como denunciou esta organización en base a investigacións sobre o terreo e a testemuños.

Comentarios