Oriente Próximo

O Iraq volve ao centro do taboleiro xeopolítico

Desde o pasado 1 de outubro, cando comezaron as mobilizacións, polo menos 250 persoas perderon a vida no Iraq no transcurso das protestas, a maioría por disparos das forzas de seguridade. Os miles de manifestantes denuncian a precariedade dos servizos públicos e o desemprego. Porén, alén das certezas da realidade socioeconómica, cómpre pór na balanza o achegamento do Iraq -un dos maiores produtores de petróleo- ao Irán, eterno inimigo dos EUA e Israel.
anti-government_protest_at_Tahrir_Square
photo_camera Un manifestante iraquí na Praza Tahrir de Bagdad. Foto: Europa Press

Sete manifestantes morreron a pasada segunda feira, 4 de novembro, por disparos da Policía cando se manifestaban fronte ao consulado iraniano en Kerbala, cidade do sur de Iraq, onde se centran as mobilizacións desde que deran comezo o pasado 1 de outubro. Isto fai un total de 257 persoas falecidas, a maioría a mans das forzas de seguridade nos suburbios da capital, Bagdad, onde na terza feira se volveron rexistrar varios feridos de bala

Despois dunha pausa, as manifestacións retomáronse o 24 de outubro. Os miles de manifestantes, a maioría varóns universitarios, denuncian a precariedade dos servizos públicos (a sanidade e a educación foron privatizadas) e o desemprego. Mais non só. Tamén esixen mudanzas políticas, como a purga da dirixencia corrupta e unha reforma da Constitución. O primeiro ministro, Adel Abdul Mahdi, é o principal sinalado. A situación de desencanto chega despois de lustros de inestabilidade nun país que desde 2003 até 2017 sufriu unha ocupación estranxeira, unha guerra civil e o xurdimento do Estado Islámico.

Nas protestas de Kerbala, unha cidade santa xiíta que cada ano visitan millóns de peregrinos iranianos, os manifestantes tentaron pór lume á representación diplomática do país persa. As axencias de noticias occidentais centran as súas informacións neste aspecto. Os concentrados, que acusan o Irán de ser quen move as cordas do actual Goberno iraquí, despregaron bandeiras do país no muro do complexo consular e escribiron: «Kerbala libre, Irán fóra».

Crimes do Estado

Fóra da certeza da precariedade socioeconómica no Iraq, cómpre ter en conta outros aspectos que superan a lexítima loita do pobo iraquí por unha mellor calidade de vida. Alén, evidentemente, dos crimes contra a poboación por parte das forzas de seguridade do Estado. Ao respecto deste último punto, o Goberno publicou un informe no que reduce a 157 as persoas falecidas e culpa os oficiais e comandantes que «perderon o control dos seus axentes durante as protestas e isto causou o caos». Un informe criticado por políticos e activistas da oposición. O ex primeiro ministro iraquí Haider Al Abadi, segundo recollen as axencias internacionais, dixo que os disparos contra os manifestantes seguían «as ordes dunha alta autoridade central», alén de criticar o Goberno por non revelar «quen fora realmente o responsábel de dar a orde».

Viraxe de intereses

O primeiro ministro do Iraq é Adel Abdul Mahdi, un antigo membro da Asemblea Suprema Islámica do Iraq, un importante partido xiíta con fortes ligazóns co Irán, país de maioría xiíta. Foi designado para o cargo hai un ano, en outubro de 2018, polo presidente do país, o kurdo Barham Salih. Segundo un acordo tácito, non oficial, de 2003, baixo a ocupación do país por parte dos EUA, o presidente do Iraq (cargo cerimonial, máis que executivo) debe ser un kurdo; o primeiro ministro, un xiíta; e o presidente do Parlamento, un sunnita.

O Goberno iraquí estreitou relacións co Irán e con Siria malia as presións dos EUA

O Goberno de Mahdi, malia as fortes presións de Washington, quen ten despregado no territorio iraquí arredor de 5.500 soldados en sete bases militares (mais outras cinco de adestramento no Kurdistán iraquí), estreitou relacións diplomáticas co Irán e con Siria nos últimos tempos. Por exemplo, abriu pasos fronteirizos con este último país e mantivo relacións trilaterais cos Gobernos iraniano e sirio en temas de seguridade na rexión. Ademais, o intercambio comercial co Irán é cada vez máis fluído, impedindo que as sancións e os embargos económicos dos EUA ao país persa teñan o efecto desexado. 

Por outra banda, o actual Goberno iraquí é belixerante nas súas declaracións sobre Israel acerca da situación dos territorios ocupados e o conflito palestino.  

Xa que logo, neste taboleiro xeopolítico no que se sitúa o «triángulo dourado» das reservas de petróleo, Irán-Iraq-Kuwait, alén do sempiterno, omnipresente e fortemente desestabilizador conflito palestino-israelí -con Irán e a ameaza nuclear como pano de fondo-, cómpre ter en conta a loita de poderes polo control rexional á hora de analizar máis polo miúdo as recentes protestas cidadás. Por unha banda está o eixo EUA-Israel-Arabia Saudí, e polo outro, o que conforman o Irán, Siria e, agora, o Iraq.

Ouro negro

En calquera caso, as mobilizacións non son algo novo. Máis, tendo en conta que a industria petrolífera continúa a pleno rendemento e non para de medrar. Actualmente, o petróleo representa 85% dos ingresos totais da Administración, ademais do 80% dos ingresos en divisas, nun país onde priman as empresas públicas baixo o control do Estado

O petróleo representa 85% dos ingresos totais do Iraq, a través de empresas públicas baixo o control do Estado

O país posúe a quinta reserva de petróleo máis grande do mundo. Con todo, a riqueza xerada non se traslada en melloras para a cidadanía. En 2018, Basora e de novo o Iraq meridional viviron grandes manifestacións para protestar pola falta de electricidade, a escaseza de auga e o elevado desemprego. Desde os sindicatos considerábano consecuencia da neglixencia do Goberno e da corrupción financeira do sistema estatal.

Os contratos do Iraq con grandes compañías petroleiras internacionais pódenlle permitir ampliar aínda máis os ingresos. Con ese obxectivo está a realizar melloras na infraestrutura de procesamento e de exportación, tal e como leva facendo na última década. Por exemplo, a maior petrolífera rusa, Lukoil, en colaboración coa norueguesa Statoil, puxo en funcionamento hai cinco anos os pozos de extracción de West-Qurna 2, un dos maiores campos petrolíferos do mundo.

Referendo kurdo

O control da extracción do petróleo tamén é causa de conflitos internos. En 2017, as exportacións de petróleo iraquís procedentes dos campos do norte foron interrompidas tras o referendo de independencia non vinculante levado a cabo o 25 de setembro polo Goberno Rexional do Kurdistán (GRK). 

A consulta, gañada con 93,25% dos votos, levou a un conflito militar co Goberno de Bagdad, que finalizou coa perda por parte do GRK de 40% do seu territorio, alén da súa principal fonte de ingresos: os campos petrolíferos de Kirkuk.

China vs EUA

Mais canda a batalla entre os dous eixos pola hexemonía na rexión, hai outra en xogo de marcado carácter económico: a disputa entre China e os EUA. O país oriental, dentro da súa estratexia global de entrar en mercados fóra da influencia sinocéntrica, asinou acordos económicos co Iraq para reconstruír as infraestruturas destruídas durante a invasión da coalición liderada polos EUA.

O debate sobre as verdadeiras razóns da Guerra do Iraq veñen de vello. Ninguén dubida xa que entre estas estaba a intención de Washington de controlar a extracción e a exportación do petróleo e o gas iraquís. China, que é o principal importador do cru iraniano -e continúa a selo malia as sancións impostas polos EUA a comezos deste verán-, tamén o é do que produce o Iraq, importando máis da metade do total.

China é o maior importador de petróleo tanto do Irán como do Iraq

A razón da momentánea vitoria da China sobre os EUA responde a estratexias de diplomacia, case de correntes filosóficas. Beixín, fiel á súa máxima de non inmiscirse nos asuntos internos dos países cos que negocia, centrouse exclusivamente aos asuntos empresariais sen entrar, por exemplo, nas disputas entre Bagdad e o GRK. 

O apetito de combustíbel chinés é complicado de saciar cunha sociedade cada vez máis desenvolvida e poboada. Malia a cantidade inxente de petróleo importado da rexión, tan só é a terceira fonte tras Arabia Saudita e Rusia

A vantaxe estratéxica estadounidense na carreira contra a China é a súa capacidade de produción. Os EUA consomen máis de 22 millóns de barrís diarios, mais xeran uns 17 millóns (máis que Rusia ou Arabia Saudita). Pola súa banda, Beixín importa uns 17 millóns de barrís diarios dos case 20 que consome. Xa que logo, a dependencia do petróleo do golfo Pérsico para a China é maior que a que teñen os EUA, que importan máis do Canadá, México e Venezuela. Iso, ademais, tendo a maquinaria militar instalada na rexión en caso de necesidade.

Comentarios