En voto popular Hillary Clinton gañou ao republicano

O voto anti-Washington leva Trump á Casa Branca

[ACTUALIZADA 12:40] Un plutócrata machista e xenófobo vai ser o presidente dos EUA e o comandante en chefe da superpotencia imperial, levado pola onda do voto protesta anti-Washington. Un multimillonario funcionou como símbolo contra un establishment que ningúen mellor que Hillary Clinton encarnaba. Donald Trump derrotou os inquéritos e Hillary Clinton. Fíxose cos Estados chave -Florida, Carolina do Norte e Ohio- mais non foi quen de batila en voto popular, onde gañou a demócrata. O Partido Republicano tamén gaña a maioría no Congreso e no Senado, algo que non conseguía desde 1928.

 

Donald Trump

O voto de descontentamento social, o voto protesta anti-Washington (a ollos das multitudes Hillary Clinton é o maior símbolo do establishment) leva Donald Trump á presidencia dos EUA. O magnate logrou 277 dos votos electorais por 218 de Hillary Clinton. A maioría está en 270, que Trump supera. Gañou en delegados mais non en votos, onde se impuxo Hillary Clinton. 

"Vou ser o presidente de todos", afirmou Trump na súa comparecencia após se coñecer os resultados definitivos. O republicano afirmou que cumpriría todos os seus compromisos electorais e parabenizou Clinton pola campaña e polos "servizos prestados ao país". 

"Faremos realidade todos os noso soños. Non hai nada que non podamos conseguir. Merecémonoso mellor", asegurou, interrumpido polos berros entusiastas dos seus seareiros, coreando "U-S-A, U-S-A". 

Pennsylvania, cos seus 20 delegados, caeu do lado de Trump por volta das 7.50 horas, pondo Trump con 264 compromisarios, a 6 dos 270 que dan a presidencia. A partir de aí xa se daba a vitoria do populista magnate como case certa e os seguintes estados no reconto viñeron confirmar a tendencia.

Hillary Clinton, nun aceno sen precedentes, decide non comparecer na noite eleitoral e non recoñece aínda a súa derrota

O triunfo republicano é completo porque a formación conservadora faise co control do parlamento bicameral dos EUA: gañarían tanto no Senado e no Congreso, algo que non lograba desde 1928.

A reacción no seo do Partido Demócrata pasou da estupefacción a unha decisión surprendente e sen precedentes: Hillary Clinton decidiu non comparecer na noite eleitoral, o que abriu todo tipo de especulacións sobre se aceitaría os resultados. Por volta das 8.45 h, horario galego, puxo fin a toda cábala cando, segundo informou a CNN, chamou a Trump para recoñecer a súa vitoria. No canto de Clinton quen si apareceu perante a imprensa foi o seu polémico chefe de comunicación, John Podesta, o dono do correo electrónico hackeado por Wikileaks.

NOTICIA EN ACTUALIZACIÓN

Comentarios