Podemos incorpórase a Sumar malia o veto de Yolanda Díaz a Irene Montero

A campaña electoral dos comicios estatais está lanzada. Mentres PP e BNG desenvolveron diversos actos en Compostela e Lugo, Sumar centrou a xornada en tentar fechar un acordo de concorrencia con Podemos, antes do feche do prazo para a presentación de coalicións lectorais, fixado para a medianoite de onte.

Montero _yolanda_diaz
photo_camera Yolanda Díaz e Irene Montero, no mes de marzo, nos corredores do Congreso dos Deputados. (Foto: Europa Press).

Sumar estará finalmente integrada por 13 formacións políticas diferentes, tras confirmar a súa presenza na coalición Podemos. A formación morada, que denuncia a súa exclusión dos postos de saída das candidaturas e o veto á ministra de Igualdade, Irene Montero, agarda mudar a composición final das listas antes do 19 de xuño, data tope para a súa presentación.

O partido instrumental, que levará nas súas papeletas a fotografía de Yolanda Díaz, aínda non desvelou as súas candidatas e candidatos polas circunscricións galegas, se ben soan nomes como o antigo secretario xeral de Podemos na Galiza e actual deputado de Unidas-Podemos no Congreso, Antón Gómez-Reino, ou a profesora da USC e presidenta de Sumar Marta Lois

O Partido Popular, pola súa parte, reuniu, onte, o seu comité de campaña en Compostela. Segundo a secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, o obxectivo da súa formación é “mellorar os resultados” dos comicios locais de 28 maio, onde obtiveron arredor de 550.000 votos, que nas eleccións de 23 de xullo lles outorgaría 11 escanos no país, un por baixo da suma das actas de BNG e PSdeG.

PP

Prado defendeu as aspiracións dos populares con que “temos o mellor candidato, que é Alberto Núñez Feixoo, con propostas moi importantes para Galiza e logo duns anos nefastos do Goberno de Pedro Sánchez”. Nesta dirección, asegurou que o “Executivo do PSOE e Podemos demostrou que Galiza non conta para nada" e avanzou un cambio de trato para o país no caso dun Goberno liderado pola súa formación. Ao tempo, avanzou un acto con Feixoo “este domingo aquí en Santiago”, co que "queremos dicir que gañamos o 28 de maio e tamén gañaremos o 23 de xullo, porque Galiza sempre estará con Alberto Núñez Feixoo”.

PSdeG

Por outra parte, os socialistas remataron o seu proceso de conformación de candidaturas con varias sorpresas. Neste sentido, destaca a caída das listas da persoa de referencia do PSdeG no Congreso, o pontevedrés Guillermo Meixón, así como doutros dirixentes vinculados no seu momento a Gonzalo Caballero, como a luguesa Ana Prieto.

Precisamente, o anterior secretario xeral dos socialistas cuestionou a idoneidade das candidaturas e reclamou listas “frescas e ilusionantes”. Así, explicou que “hai que construílas mirando ao futuro e non ao pasado” e lembrou que “hai catro anos apostamos por unhas candidaturas encabezadas por catro mulleres nas catro provincias, combinando renovación e experiencia e cumprindo a norma do PSdeG de un militante, un cargo”. Nesta liña, alertou da presenza de membros do Executivo estatal nas listas, nunha clara referencia a José Ramón Gómez Besteiro, posíbel competidor seu na candidatura socialista pola presidencia da Xunta.

BNG

Ademais, a campaña do BNG chegou onte a Lugo. Alí, o voceiro nacionalista galego no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, destacou que “as persoas que votaron o BNG o 28 de maio darían representación ao BNG pola provincia de Lugo. Por tanto, é perfectamente posíbel e estamos convencidos de que o farán, de que volverán coller a papeleta do BNG sabendo que é o mellor para esta cidade e para esta provincia". Concretamente, os sufraxios dos comicios locais de 28 de maio outorgarían nas estatais, por Lugo, 2 escanos a PP, 1 a PSdeG e 1 a BNG.

Rego, cuxo traballo en Madrid foi valorado con "matrícula de honra" polo tenente de alcalde da cidade, Rubén Arroxo, afirmou que "só o BNG defendeu no Congreso as infraestruturas que Lugo precisa para saír do illamento –como a modernización da vía ferroviaria, a conexión con Compostela e a finalización da A-54– fronte a un PP que non actuou nos seis anos que estivo no Goberno e fronte a un PSOE que mesmo actuou en contra dos intereses de Lugo rexeitando as emendas que o BNG veu presentando aos orzamentos"

Comentarios