O Tribunal da ONU esixe a Israel que tome medidas para impedir o xenocidio mais non pide o alto o fogo

Joan Donoghue, presidenta do tribunal, cualificou de “catastrófica a situación humanitaria” na Faixa.
Sala da Corte Internacional de Xustiza, na cidade neerlandesa da Haia (Foto: Europa Press).
photo_camera Sala da Corte Internacional de Xustiza, na cidade neerlandesa da Haia (Foto: Europa Press).

O Tribunal Internacional de Xustiza de Nacións Unidas (TIX) ordenou esta sexta feira a Israel que tome todas as medidas necesarias para evitar que poidan cometerse actos de xenocidio contra a poboación palestina en Gaza, que debe ser protexida pola Convención para a Prevención e Sanción do Xenocidio (1948). 

A decisión foi tomada por 15 votos a favor e dous en contra dos 17 xuíces encargados da demanda presentada por Sudáfrica a finais de decembro, na que alega violacións da Convención sobre o Xenocidio por parte de Israel contra os palestinos. 

A Corte Internacional tamén ordena a Israel que asegure de que o seu Exército non comete actos de xenocidio; así como de que sexan tomadas medidas para previr e castigar a incitación ao xenocidio; e que se permita a entrada de axuda humanitaria na Faixa.  Israel, ademais debe informar ao TIX de que cumpre estas medidas. Mais o que non pediu ao Tribunal a Israel foi que deteña a súa ofensiva militar.

A presidenta do Tribunal, Joan Donoghue, dixo que os xuíces son “conscientes da traxedia humana que ten lugar” en Gaza e cualificou de “catastrófica a situación humanitaria" que se vive neste territorio palestino. Na actual ofensiva de Isarel contra a Faixa de Gaza morreron máis de 26.000 persoas. 

Donoghue dixo na apertura da sesión que a ofensiva Israelí “causou mortes, unha gran destrución e o desprazamento masivo” dos habitantes da Faixa, baseándose nas declaracións de varios altos representantes da ONU, incluído o comisionado xeral da Axencia para os Refuxiados Palestinos (UNRWA), Philippe Lazzarini.

O Gobernode Israel xa anunciou esta quinta feria que non ten intención de respectar as medidas cautelares e declarar un cesamento do fogo en Gaza, porque “non ten fundamento”, afirmou o seu portavoz, Eylon Levy. O Tribunal non solicitou hoxe ningun alto o fogo, como demandaba Suráfrica.

A sentenza deste mediodía non determina se houbo xenocidio por parte de Israel en Gaza –a acusación central da demanda de Suráfrica–, senón que se centra nas medidas reclamadas polo estado africano.

A decisión do tribunal causou decepción en Palestina, onde se separaba un claro posicionamento esixindo un cesamento do fogo, que finalmente non tivo lugar. Con todo as autoridades palestinas recoñecen que a decisión é histórica e consideran que porá moita presión sobre os estados que aínda dan un apoio incondicional a Israel.

Comentarios